O delegado territorial participa na Xunta Local de Seguridade de Ourense

Gabriel Alén pon en valor o plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar da Xunta

O delegado territorial aproveitou para destacar a recente aprobación do Goberno galego do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, que foi presentado hai unha semana polo Presidente, Alfonso Rueda, e que forma parte do conxunto de accións específicas na loita neste eido marcada polo Executivo galego

Entre as súas principais medidas, atópase a instalación de `puntos laranxas’, a modo de caixas de correos, tanto físicas como virtuais, a través das cales o alumnado poderá denunciar de forma anónima e segura estes casos

Ourense, 04 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu hoxe á reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense na que participaron membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Policía Autonómica, da Policía Local e colectivos veciñais.

Un dos asuntos que se tratou na xuntanza foi a presentación do informe do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos. O delegado territorial da Xunta aproveitou para destacar a recente aprobación do Goberno galego do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, que foi presentado hai unha semana polo Presidente, Alfonso Rueda, e que forma parte do conxunto de accións específicas na loita neste eido marcada polo Executivo galego.

Entre as súas principais medidas, atópase a instalación de `puntos laranxas’, a modo de caixas de correos, tanto físicas como virtuais, a través das cales o alumnado poderá denunciar de forma anónima e segura estes casos.

Para isto, establécese un conxunto de accións específicas dirixidas a blindar que os centros escolares galegos sexan seguros, inclusivos e respectuosos, en consonancia co establecido na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a folla de ruta que fixa novos retos neste eido.

Formación do profesorado e participación activa das familias

Outro dos puntos clave é a formación do profesorado, que debe dispoñer de todos os mecanismos e ferramentas necesarias para actuar. Nesta liña, destacou -Gabriel Alén- que o plan de accións formativas específicas para que os docentes se doten de habilidades e recursos que lles permitan identificar situacións de acoso e ciberacoso, intervir apoiando as vítimas e atender as posibles persoas acosadoras e observadoras. Para iso colaborarase con outros profesionais dos sectores sanitario e social, e contarase co apoio da Administración de xustiza, con acceso a profesionais especializados no eido xudicial e dispoñibilidade de material formativo en relación coa erradicación da violencia sobre menores e adolescentes.

Tamén se reforza a participación activa das familias, pois desempeñan un papel fundamental para a prevención do acoso e o ciberacoso e, polo tanto, neste plan cobra unha especial relevancia a súa contribución para a prevención de conflitos e a resolución pacífica destes. De aí que se promova unha estreita colaboración entre as familias e os centros educativos habilitando liñas de comunicación coa escola para traballar de maneira conxunta.

As novas tecnoloxías

O delegado territorial da Xunta subliñou a importancia de fomentar o respecto e o uso seguro da internet entre o alumnado. Deste xeito, no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar establécense propostas educativas para mellorar as relacións interpersonais, a empatía e a solidariedade desde idades temperás fomentando o respecto mutuo e a aceptación da diversidade, así como dotalos de ferramentas para que identifiquen e prevexan posibles situacións de risco.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023