A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe en Pontevedra nun coloquio coas mozas e mozos gañadores no marco de Culturgal

A Xunta dá a coñecer os premiados en poesía, novela curta e banda deseñada do programa Xuventude Crea

Alba Doval Rodríguez (Ribadavia), Pedro Rodríguez Villar (Nigrán) e Pablo Pereira Montesdeoca (Vigo) son os vencedores
 

Pontevedra, 1 de decembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe o importante apoio que dá o Executivo autonómico ao talento e creatividade da mocidade galega a través de programas como o Xuventude Crea, que está a celebrar a súa edición número 14. Díxoo nun coloquio con mozas e mozas que este ano gañaron nas categorías de Poesía, Novela Curta e Banda Deseñada; e que se celebrou no marco de Culturgal.

No apartado de Poesía fíxose co primeiro posto Alba Doval Rodríguez (Ribadavia) coa obra ‘Vixilia’. En segundo lugar quedou Natalia Lema Otero (Vimianzo) con ‘As horas prontas’ e o terceiro posto recaeu no poema ‘Ide, é a despedida’ de Sara Porto Puente (Santiago de Compostela).

Os premiados en Novela Curta foron Pedro Rodríguez Villar (Nigrán), primeiro clasificado con ‘Alén da néboa’; Marcos Gómez Ramos (Rianxo) co texto ‘O único da clase’ quedou en segunda posición e o terceiro premio obtívoo Miguel Cavadas Docampo (Vigo) con ‘As cousas que xamais viviremos’.

En Banda Deseñada o gañador foi Pablo Pereira Montesdeoca (Vigo) coa súa creación ‘O misterio do faro’. Adrián Jamardo Fernández (Pontevedra) quedou segundo con ‘Sensación de vértixe’ e ‘A entrevista’ de Brais Fierro Fuentes (Culleredo) fíxose co terceiro galardón. Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra ao traballo titulado ‘Terra meiga’, presentado por Jorge Juan Pérez Barreiro (Oza-Cesuras).

Os gañadores en cada unha destas especialidades recibirán un premio en metálico de 3.000 euros, os segundos clasificados levarán 1.500 euros e a dotación económica para os terceiros é de 1.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023