Galicia rexistra un crecemento 3,5 puntos superior ao PIB prepandemia, 1,4 puntos por riba de España

O PIB galego recuperou a riqueza prepandemia en 2021, tres trimestres antes que a media do conxunto de España

A economía galega aumentou un 7,6 % en 2021 e un 4,1 % en 2022

No período 2020-2022 a evolución de Galicia supera en 1,8 puntos á media de España

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2023

A economía galega rexistrou, ao peche do terceiro trimestre deste ano, un crecemento que supera en 3,5 puntos ao PIB prepandemia, fronte ao avance en 2,1 puntos da media, o que permite situarse 1,4 puntos por riba da economía española neste período.

Así se desprende das contas económicas trimestrais do Instituto Galego de Estatística (IGE) como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Segundo os datos actualizados, Galicia xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España.

En concreto, o PIB galego caeu en 2020, o ano da pandemia, un 8,9 %, unha décima máis da estimación anterior, pero 2,3 puntos menos que a media de España. Ao ano seguinte, en 2021, a economía galega medrou un 7,6 %, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado e 1,2 puntos máis que a media. E, en 2022, incrementouse un 4,1 %, tres décimas superior ao estimado anteriormente e 1,7 puntos menos que o conxunto de España.

Así, no período que vai desde 2020 ata o último ano pechado, 2022, a evolución da economía galega superou en 1,8 puntos á rexistrada, de media, en España.

Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, segundo a Información de Contabilidade trimestral publicada polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.

Desde o punto de vista da demanda, no último trimestre, a demanda interna achegou 0,9 puntos ao crecemento do PIB e a demanda externa, 0,2. O consumo privado aumentou un 0,2 % e o público un 5 %.

Desde a óptica da oferta, rexistraron taxas positivas o sector servizos (2,1 %) e o primario (0,9 %), cunha leve caída do da construción (0,1 %). Pola súa banda, as ramas industriais rexistraron unha taxa do -2,5 %.

Crecemento do emprego

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no terceiro trimestre un 2,4 %, o que supón un incremento de 24.154 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

Por ramas de actividade, o emprego creceu en todas, un 3,1 % na construción, un 2,7 % nos servizos, un 1,3 % na industria e un 0,6% no sector primario.

Data de actualización: 02/12/2023