A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe na Cidade da Cultura aos actos conmemorativos da efeméride deste programa

A Xunta aplaude os 20 anos de traxectoria do servizo de voluntariado da Federación de Persoas Xordas de Galicia

Cristina Pichel destacou a importancia do voluntariado para fomentar a solidariedade coas persoas xordocegas e xordas en risco ou situación de exclusión

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, recoñeceu hoxe o traballo das persoas que forman parte do servizo de voluntariado da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), que está apoiado pola Xunta. Fíxoo nos actos organizados pola entidade con motivo do vinte aniversario deste servizo, que se desenvolveron na Cidade da Cultura.

Cristina Pichel destacou a importancia deste servizo para fomentar a solidariedade coas persoas xordocegas e xordas en risco ou situación de exclusión. A través do servizo de voluntariado de FAXPG organízanse ao longo do ano actividades de ocio e tempo libre que teñen, entre outros obxectivos, evitar o illamento destas persoas.

Durante a xornada, o voluntariado e as persoas beneficiadas deste servizo deron conta das súas experiencias. Tamén se proxectaron vídeos sobre estes 20 anos de traxectoria do voluntariado de FAXPG e o acto rematou coa lectura dun poema en lingua de signos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2023