O conselleiro de Sanidade sinala o Programa galego de cribado neonatal como un dos máis completos de España no marco da XI xornada sobre fibrose quística

A Asociación Galega de Fibrose Quística leva a cabo un programa de fisioterapia respiratoria a domicilio para pacientes, que conta co apoio do Sergas

Julio García Comesaña subliña o traballo dos profesionais sanitarios e desta asociación en prol dos pacientes galegos
 

Vigo, 2 de decembro 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto de clausura da XI Xornada informativa sobre fibrose quística que tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, que o Programa galego de cribado neonatal é un dos máis completos de España, sendo clave nas estratexias de saúde pública. En Galicia, -incidiu o conselleiro-, a fibrose quística é unha das patoloxías que se inclúen nel, “o que fai posible diagnosticar a maioría dos casos de xeito precoz”.

Neste acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, así como polo presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan Da Silva.

Na súa intervención, o conselleiro agradeceu o esforzo que fai esta asociación co programa de fisioterapia respiratoria a domicilio para persoas con esta enfermidade, que conta co apoio do Sergas por medio das axudas que realiza o departamento sanitario galego a programas de carácter sociosanitario. Comesaña destacou a importancia desta iniciativa, que ten como obxectivo minimizar as complicacións derivadas da enfermidade e mellorar a calidade de vida destas persoas. En concreto, a través del beneficiáronse máis de 70 persoas.

O máximo responsable do Sergas dixo que, grazas á posta en marcha da Estratexia Galega en Enfermidades Raras, o seu departamento apostou por unha atención centrada no paciente, fomentando a formación a profesionais, pacientes e familiares, e ofrecendo unha asistencia sanitaria de calidade, baseada na mellora continua. A través desta folla de ruta, establecéronse tres unidades funcionais multidisciplinares, unha delas no Álvaro Cunqueiro. Estas tres unidades levan elaboradas máis de 2.200 consultas.

Tamén destacou o conselleiro a unidade mixta de fibrose quística do Álvaro Cunqueiro, acreditada coa certificación de calidade e coa cualificación de excelente pola Sociedade Española desta enfermidade. “Este recoñecemento supón unha prestación coas maiores garantías e a validación dos protocolos e do traballo en equipo realizado con outros servizos hospitalarios, e todo elo en coordinación coa Asociación galega de fibrose quística”.

Xunto ao anterior, o máximo responsable da sanidade pública galega incidiu en que, ademais do diagnóstico e do tratamento, tamén é importante facer un bo seguimento da enfermidade. Ao respecto, TELEA é a plataforma de telemonitorización do Sergas para o control dos pacientes no domicilio, mellorando a calidade de vida dos doentes a través dun seguimento estreito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2023