A Xunta adxudica por 370.000 € a unidade móbil de radioloxía que dará servizo aos centros de saúde semiurbanos e rurais

Comezará a utilizarse de forma piloto na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

A adxudicación desta unidade forma parte dun investimento do Goberno galego de 30 M€, en reforzo do equipamento da atención primaria

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2023

A Consellería de Sanidade vén de adxudicar no perfil do contratante da Consellería de Sanidade a adxudicación dunha unidade móbil de radioloxía que dará servizo a centros de saúde semiurbanos e rurais, por un importe de 370.000 euros.

Tal e como sinalara o pasado mes de outubro o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, este equipo iniciará a súa actividade de xeito piloto en centros de saúde da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, co obxectivo de avaliar a súa posible extensión a toda Galicia.

A adxudicación desta unidade, forma parte dun investimento do Goberno galego de 30 millóns de euros, en reforzo do equipamento da atención primaria.

Integración coa historia clínica electrónica

A unidade móbil de raios X contempla unha sala de radioloxía dixital con capacidade para desprazarse de xeito periódico ás inmediacións dos distintos centros de atención primaria que non contan con servizo de radioloxía e poder realizar as probas programadas para os pacientes dese centro.

Tamén contará a unidade, cunha área de acceso e recepción dos pacientes e outra de exploración, con vestiario e lavabo. Esta área de exploración terá unha protección de chumbo para protexer da radiación ionizante do equipo. Así mesmo, disporá dunha plataforma elevadora para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida.

O equipo de radioloxía terá tecnoloxía dixital directa para permitir a integración total das imaxes diagnósticas e das doses de radiación recibidas polo paciente cos sistemas de información corporativos do Sergas, en particular co sistema IANUS de historia clínica electrónica.

Esta iniciativa da Xunta está financiada con fondos recibidos do Ministerio de Sanidade a través do Plan de Mellora das Infraestruturas de Atención Primaria (MINAP).

Cómpre remarcar que, grazas á boa situación de Galicia en materia de infraestruturas de atención primaria, co investimento desde 2009 de máis de 130 millóns de euros para construír ou renovar 115 centros de saúde, e cun Plan de Infraestruturas de Atención Primaria en execución desde 2021, o Goberno galego pode destinar estes fondos estatais a dotar aos seus centros de equipamento diagnóstico novo.

Máis investimentos para atención primaria

Ademais desta nova unidade móbil de Radioloxía, a Xunta de Galicia está a levar a cabo diversas medidas para potenciar a capacidade diagnóstica do primeiro nivel asistencial. Así, no primeiro trimestre do vindeiro ano, e como consecuencia dun investimento do Executivo galego de 2,8 millóns de euros, os centros de atención primaria do Sergas das sete áreas sanitarias contarán con 339 desfibriladores e 104 bisturís eléctricos de baixa potencia.   

Con esta dotación, renóvanse gran parte dos desfibriladores existentes en primaria, substituíndoos por outros máis modernos, con capacidade para monitorizar parámetros fisiolóxicos, facer rexistro de electrocardiograma e realizar funcións de cardioversión, desfibrilación e marcapasos. Todos estes datos integraranse cos sistemas de información do Servizo Galego de Saúde, quedando rexistrados na historia clínica do paciente.

Xunto ao anterior, o departamento sanitario galego quere seguir dando impulso á realización de cirurxía menor no primeiro nivel asistencial, con este obxectivo adquiríronse estes 104 bisturís eléctricos de baixa potencia, aumentando a capacidade resolutiva deste nivel asistencial, reducindo así tempos de espera e desprazamentos innecesarios da poboación.

Cómpre remarcar, así mesmo, que, nesta liña de potenciación da capacidade diagnóstica da atención primaria, a Xunta xa licitou, nos últimos meses, con destino aos centros de saúde, salas de raios X dixitais, por preto de 4,8 millóns; equipamento electromédico e mobiliario clínico, por 17,6 millóns de euros; e analizadores sanguíneos portátiles e reactivos para a realización de probas de detección rápida, por 4,5 millóns.

Data de actualización: 02/12/2023