Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de medio millón de euros para cambiar a cuberta do colexio CEIP plurilingüe do Carballal, en Marín

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que a Xunta busca acadar uns centros máis eficientes desde o punto de vista enerxético

A previsión é licitar a obra, que inclúe tamén a renovación de canlóns e baixantes, antes de que remate este ano

Marín (Pontevedra), 2 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de máis de medio millón de euros para cambiar a cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal, na localidade pontevedresa de Marín. Ademais, explicou que se están a analizar as necesidades dos colexios de Seixo e Plurilingüe da Laxe para estudar a posibilidade de realizar melloras nos mesmos ao longo de 2024.

Nunha visita ao colexio, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para renovar as instalacións educativas e adaptalas ás necesidades do século XXI.

“Este plan ten entre as súas prioridades mellorar a eficiencia enerxética dos edificios educativos, o que redunda ademais nun maior confort térmico para todos os membros da comunidade escolar”, sinalou o conselleiro. “Actuacións como esta, de renovación de cuberta, así como o cambio de fiestras que acometemos xa neste colexio, son fundamentais para avanzar neste obxectivo de acadar centros educativos máis verdes e máis respectuosos co medio ambiente”, destacou.

Investimento de máis de 5M€ desde 2009

Román Rodríguez lembrou que esta nova intervención eleva a máis de 5M€ o investimento da Xunta en obras educativas no Concello de Marín desde 2009 e sitúa ao Colexio do Carballal como o centro cun maior esforzo inversor, con máis de 1,6M€. “Non en balde, neste centro xa acometemos nos últimos anos unha rehabilitación enerxética e o cambio da carpintería exterior”, detallou.

A licitación do cambio de cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal está prevista para antes do remate do ano 2023 por un importe de 516.462€. A nova será de panel sándwich con acabado de aceiro galvanizado con 3.074,92m². A maiores, mudaranse os canlóns e as baixantes de aluminio do ximnasio por outras de PVC. Tamén se colocará unha nova, do mesmo material, no saínte da planta baixa do bloque principal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2023