A Xunta clausura o programa integrado de emprego de Outeiro de Rei e achega 220.000 euros para iniciar outro

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a nova edición conta coa participación dos mesmos concellos, vai dirixida a 100 persoas desempregadas e ten como destinatarias prioritarias ás mulleres

Outeiro de Rei (Lugo), 1 de decembro de 2023

A Xunta clausurou hoxe o programa integrado de emprego que tivo en marcha no período 2022/2023 o Concello de Outeiro de Rei asociado cos de Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou a iniciativa con 250.000 euros.                                                         

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou que a Administración autonómica vén de aprobar unha nova achega de 220.000 euros para poñer en marcha outro programa integrado nos mesmos municipios, que comeza este ano e se prolonga durante o 2024. Na vindeira edición, a iniciativa terá como destinatarias prioritarias ás mulleres.

En cada unha destas actividades participan 100 persoas desempregadas, das que un mínimo do 35% serán inseridas no mercado laboral durante a duración do proxecto. A Administración autonómica ofrece bolsas para incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións e asume os custos salariais do persoal necesario para impartir a formación, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

En canto á actividade que se clausura hoxe en Outeiro de Rei, os participantes foron principalmente persoas desempregadas menores de 30 anos -un total de 74 – con diferentes perfís. 

As accións centráronse en proporcionarlles aos asistentes ferramentas que lles axuden a acceder ao mercado de traballo. Así, comprendeu iniciativas de formación e asesoramento; técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea; fomento da capacidade emprendedora e das habilidades sociolaborais -por exemplo, con simulacións de entrevistas laborais -; prospección empresarial; accións para casar o perfil dos participantes con ofertas de traballo existentes ou prácticas profesionais non laborais en empresas, entre outras.                                                                        

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023