Martina Aneiros destaca nas Pontes o “bo momento” que atravesa o deporte base galego durante a presentación do club lago DVSport de fútbol sala

As Pontes (A Coruña), 1 de decembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na presentación oficial do club de fútbol sala Lago DVSport, no pavillón municipal das Pontes, onde destacou a importancia do deporte no só á hora de mellorar a condición física das persoas “senón como sinónimo de benestar, disciplina e formación”.

Aneiros incidiu no “bo momento” que atravesa o deporte base galego a través das cifras do programa Xogade da Xunta “que medra en participación, orzamento, oferta, inclusión e igualdade”, destacou. Esta iniciativa autonómica que aglutina a oferta deportiva -escolar e federada- para todas as nenas e nenos de entre 6 e 16 anos, rematou a pasada tempada con preto de 135.000 inscritos “rachando o seu teito histórico”, puntualizou a representante do Goberno galego. Na súa intervención, tamén puxo en valor o Bono Deporte que, a partir de xaneiro de 2024, beneficiará aos nenos e nenas de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva ou inscritos no programa Xogade con 120 euros para adquisición de equipamento ou a realización de actividades deportivas.

O club Lago DVSport, creado en 2018, conta actualmente cun total de 177 licencias federativas e equipos desde a categoría biberón ata sénior. Ademais posúe unha escola de base de fútbol sala e un proxecto de fútbol sala feminino con 48 licencias federativas (un equipo alevín e outro infantil competindo na liga galega e outro sénior en Liga 1ª Autonómica).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023