A Xunta apoia a comercialización de artesanía de Galicia no Mercado da Estrela de Santiago

A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación da 12ª edición deste evento, que se celebrará do 15 ao 18 de decembro
 

Este ano participan un total de 31 expositores de Artesanía de Galicia dedicados aos ámbitos da xoiería, da cerámica, da madeira, da moda, dos xoguetes ou do coiro, entre outros
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación apoia un ano máis a celebración do Mercado da Estrela, no que a marca Artesanía de Galicia contará de novo cun espazo propio os días 15, 16 e 17 de decembro en Santiago de Compostela. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na rolda de prensa celebrada no Concello de Santiago na que se presentou a programación da 12ª edición deste mercado, que é xa un clásico nas actividades vinculadas co Nadal.

O apoio da Fundación Artesanía de Galicia consiste nunha bonificación sobre a cota de participación para os expositores inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, co obxectivo de apoiar a comercialización da marca Artesanía de Galicia durante a campaña de Nadal e darlle visibilidade aos oficios artesanais.

 

O Mercado da Estrela é un festival gratuíto no que se amosa o talento e a creatividade de profesionais galegos de diferentes disciplinas e que se realizarán en diferentes espazos da zona vella compostelá. O espazo dedicado a Artesanía de Galicia – situado no segundo andar da obra social de Abanca (Praza de Cervantes) – contará con 31 expositores especializados en oficios como a cerámica e a olería, a xoiería, os xoguetes, a moda, a sombreirería, a cestería, a forxa, a bixutería, a serigrafía e o coiro.  

A feira creativa abrirá ao público de 17:00 a 21:00 horas, o venres 16, e de 11:00 a 21:00 horas o sábado e o domingo. En San Martiño Pinario haberá unha Feira de Agasallos de Nadal, na Praza 8 de marzo a zona foodtruck e na pista do Centro Xuvenil Don Bosco as actividades musicais.

 

Os expositores de Artesanía de Galicia que participan nesta 12ª edición do Mercado da Estrela Cavalinho do demo (Fornelos de Montes), Sopa de Nuez (Lugo), Jerolas (Curtis), Tuuinx (Ames), Gaia cerámica (Gondomar), Leónlagata (Sanxenxo), Eailustra (Cerdedo-Cotobade), J. Eiroa Forxa (Culleredo), Alba Domínguez – Selébrities (O Grove); Mimacuir (Taboada); Conloquetengo (As Pontes); Carballo Estrela (Pontevedra); O Carabel Ecocestos (Ferrol); Adanegra Textil (A Guarda); os obradoiros de Pontedeume Julia Vilariño e Hana no Boshi; os da Coruña Pasamarela e Zeltia ao aire; os obradoiros de Vigo Como pez en el agua, Mario López e Blautorpías; os de Ourense Boro e Fento do Vento; os da Estrada Dona Formiguinha e Capixuta; e mais os obradoiros composteláns Milena Colella, Contraform, Boneco tolo, Jatafarta, Latonta y Larubia e Brigantia Orfebres.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023