A Xunta destinará 7,7 M€ ás axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas nos anos 2023 e 2024

O Goberno galego decidiu aprobar o incremento na dotación destas achegas, que inicialmente contaban cun orzamento de 4,4 millóns de euros

Poden beneficiarse destas subvencións bianuais as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e as organizacións profesionais e interprofesionais

A Xunta tamén aprobou unha nova orde de axudas para esta mesma finalidade, por un importe inicial de 4.500.000 euros, a executar, neste caso, entre o 2025 e o 2026
 

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2023

A Xunta destinará un total de 7,7 millóns de euros ás axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas a executar neste mesmo ano 2023 e no 2024, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

O Goberno galego decidiu recentemente aprobar o incremento na dotación destas achegas. Así, a existencia de remanentes doutras convocatorias permitiu a ampliación dos fondos inicialmente previstos -4.432.119 euros- e chegar ata os 7.768.571. Ademais, este incremento era tamén necesario ante o número de solicitudes que se presentaron por estas axudas bianuais, convocadas neste exercicio para executar no 2023 no 2024.

 

As bases reguladoras destas achegas publicáronse a finais do 2022. As subvencións teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. O orzamento final repartirase con 4.318.571 euros para accións executadas neste mesmo ano e 3.450.000 para as de 2024.

 

Beneficiarios

Os beneficiarios destas achegas, que aínda están por resolverse, poden ser empresas vitivinícolas, organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e as organizacións profesionais e interprofesionais.

 

As achegas subvencionarán os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto, os custos xerais vinculados aos gastos anteriores tales como honorarios e estudos de viabilidade co límite do 4% do orzamento aprobado para a operación de investimento, así como a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

 

Nova convocatoria para executar entre o 2025 e o 2026

A Xunta tamén aprobou unha nova orde de axudas para esta mesma finalidade, por un importe inicial de 4.500.000 euros, a executar, neste caso, entre o 2025 e o 2026. Estas achegas bianuais, que están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), publicaranse en breve no Diario Oficial de Galicia e dende a súa publicación os interesados disporán ata o 31 de xaneiro de 2024 para presentar as súas solicitudes.

Data de actualización: 02/12/2023