A Xunta presenta o programa de axuda ao deportista que ofrecerá asesoramento psicolóxico, titorización e orientación

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou que a medida enmárcase no traballo da Oficina de Atención ao Deportista

Levarase a cabo grazas a acordos coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sobre inserción laboral e emprendemento, coas tres universidades galegas para fomentar a conciliación académica de deportistas universitarios e co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia co obxectivo de financiar sesións gratuítas de atención psicolóxica

Pontevedra, 1 de decembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou hoxe con deportistas de alto nivel en activo e xa retirados o Programa de Axuda ao Deportistas (Proade), que se canalizará desde a Oficina de Atención ao Deportista para atender as demandas sobre orientación e conciliación laboral e académica ou asistencia psicolóxica. Foron precisamente as respostas máis repetidas nas máis de 700 enquisas que responderon deportistas da comunidade sobre o que máis precisan e que serviu de base para deseñar Proade como unha ferramenta para prestar asesoramento psicolóxico, titorización e orientación no ámbito do deporte de alto nivel.

Así o explicou Diego Calvo tras dar a coñecer o programa nunha reunión no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con deportistas en activo como Teresa Portela ou Carolina García, integrantes do equipo nacional feminino de K4-500 de piragüismo; a ximnasta Melania Rodríguez; Chano Rodríguez, do equipo paralímpico nacional de natación; ou Gustavo Dacal, explusmarquista español de lanzamento de xavelina que vén de debutar en lanzamento de xavelina adaptada con récord nacional.Tamén asistiron deportistas retirados como Pedro Nimo (exatleta de fondo), Solange Pereira (exatleta de medio fondo e campo a través), Frank Casañas (lanzamento de disco), Elena Roca (rugby) e Lua Piñeiro (taekwondo).

Nun acto posterior formalizáronse os acordos coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, as tres universidades galegas e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) que permitirán materializar o programa. Nas sinaturas participaron os reitores das universidades da Coruña e Vigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, respectivamente, o vicerreitor de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, Ernesto González e a presidenta do COPG, Rosa Álvarez. Acudiron ademais o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

No que se refire ao acordo coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, inclúe tanto para os deportistas de alto rendemento e alto nivel en activo como os que xa finalizaron a súa carreira e queren incorporarse ao mercado laboral a prestación de información en materia de emprego como bolsas ou axudas á contratación, asesoramento por parte de orientadores e orientadoras do Servizo Público de Emprego, apoio ao autoemprego e a proxectos de emprendemento en colaboración cos polos de emprendemento e a organización de xornadas dirixidas a deportistas sobre políticas activas de emprego.

Canto ao protocolo coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo vai dirixido a deportistas de elite que cursan estudos superiores na comunidade co obxectivo de canalizar as súas necesidades deportivo-académicas mediante o intercambio de información entre distintos organismos e con accións que contribúan a dar visibilidade aos servizos á disposición de deportistas para que poidan conciliar deporte e estudos.

Por último, a Fundación Deporte Galego financiará a contratación de 250 sesións anuais de atención psicolóxica -un máximo de catro ao ano por deportista de alto nivel- por parte de profesionais do Colexio de Psicoloxía de Galicia que prestarán o servizo de psicoloxía que acrediten as competencias requiridas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023