Un estudo premiado pola USC enxalza as aldeas modelo como exemplo de iniciativa de desenvolvemento rural
O traballo foi o gañador na sexta edición dos premios Rafael Crecente a iniciativas innovadoras de xestión territorial, convocados polo Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da institución académica
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu en Lugo á entrega do galardón, que correspondeu a Marta Gómez pola iniciativa “Aldeas modelo. Estudo sobre recuperación de terras agrarias de Galicia”
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu ao acto de entrega da sexta edición dos premios Rafael Crecente a iniciativas innovadoras de xestión territorial, convocados polo Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e que tivo lugar na Escola Politécnica Superior da USC en Lugo.
Nesta edición o primeiro premio correspondeu a Marta Gómez pola iniciativa “Aldeas modelo. Estudo sobre recuperación de terras agrarias de Galicia”. Nas súas conclusións, este traballo destaca que “as aldeas modelo son unha iniciativa no marco da Lei de recuperación da terra agraria que busca afrontar obxectivos interrelacionados, que van desde a ordenación do territorio e a promoción do desenvolvemento rural sostible ata a promoción da igualdade de xénero, a mitigación do cambio climático e a mellora da seguridade alimentaria”.
O traballo engade que “en resumo, estas iniciativas representan un enfoque integral para o desenvolvemento sostible das zonas rurais e están en consonancia cos obxectivos globais de sustentabilidade. Ademais, adáptanse a contextos únicos, maximizando as fortalezas e oportunidades ao tempo que abordan debilidades e ameazas específicas para cada aldea. O seu éxito podería servir de modelo inspirador para outras áreas que se enfrontan a retos similares, promovendo un desenvolvemento rural máis sostible en toda a rexión”.