A directora xeral de Patrimonio Natural participou na reunión do xurado deste distintivo

A Xunta pon en valor que as 4 provincias galegas presentan candidaturas para contar co distintivo de Sendeiros azuis en 2024

Belén do Campo incide en que o obxectivo é revalidar o resultado obtido na pasada edición destes galardóns, cando se converteu na autonomía co maior número de distintivos deste tipo con 35 itinerarios recoñecidos

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

A Xunta pon en valor que, por primeira vez, as 4 provincias galegas presentan candidatura para contar co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.

 

Durante a súa participación, por videoconferencia, na reunión do xurado que concede estes distintivos, presidido polo presidente de Adeac, José Palacios, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, salientou que Galicia volve ser a Comunidade que máis candidaturas presenta. Así, optan a este recoñecemento ao redor de medio cento de sendeiros, dos que 14 se presentan a este recoñecemento por primeira vez.

 

Nesa liña, do Campo salientou que nesta ocasión a provincia de Ourense tamén opta a recibir un destes galardóns logo de que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural presentase a candidatura da ruta da Aceveda no Parque Natural do Invernadeiro, que, cómpre lembrar, é titularidade da Xunta de Galicia

 

O obxectivo é, segundo dixo a directora xeral, revalidar o resultado obtido na pasada edición destes galardóns, cando se converteu na autonomía co maior número de distintivos deste tipo con 35 itinerarios recoñecidos.

 

Transformación respectuosa das contornas

A Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios mediante a súa transformación en contornas respectuosas, resilientes e sostibles.

 

Nesa liña, os principais obxectivos desta iniciativa inclúense o fomento da conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; a contribución coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; o fortalecemento da coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; a integración transversal de aspectos económicos, ambientais e sociais, e a mellora do coñecemento e sensibilización ambiental.

 

Ademais, realízase unha revisión periódica dos seguintes aspectos: características das sendas e trazados; estado da información, sinaléctica e infraestruturas; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural, e uso público e desfrute.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023