A directora xeral de recursos humanos do Sergas aborda os novos escenarios para a xestión de profesionais no Congreso de Igualdade dos Servizos Públicos de Saúde

A representante do Sergas remarcou a vocación e alto compromiso dos traballadores deste organismo

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, remarcou hoxe que Galicia é pioneira en moitos aspectos da xestión sanitaria. Así o sinalou na súa intervención nunha das mesas que se celebran no segundo día do Congreso de Igualdade e Recursos Humanos dos Servizos Públicos de Saúde, que organiza o departamento sanitario galego. Nesta mesa,   tratáronse os novos escenarios para a xestión dos profesionais.

Na súa intervención, a directora xeral puxo en valor os resultados do proceso de avaliación de riscos psicosociais que está a desenvolver o seu departamento. En concreto, no que atinxe aos “Cuestionarios de benestar”, a área de Recursos Humanos do Sergas recibiu un total de 32.100 respostas individuais, acadando unha participación próxima ao 74% do conxunto de profesionais que o integran.

No referido ás Enquisa ás liñas de mando, o Sergas recolleu un total de 1.549 respostas (90% de participación), dos responsables de distintos equipos de profesionais, tanto de atención primaria como de atención hospitalaria. Neste caso, entre os datos máis salientables destacou a cualificación de 7’8 puntos -sobre 10- no que atinxe ao clima laboral.

Alto compromiso dos traballadores e traballadoras do Sergas

A representante do Sergas remarcou a vocación e alto compromiso dos traballadores e traballadoras deste organismo, así como o alto sentido de pertenza á unidade concreta. Tamén destacou que son profesionais resolutivos, proactivos e con alta capacidade para a autoxestión. Xunto ao anterior, destacou a súa grande enerxía e integridade, poñendo ao paciente no centro do seu traballo, ademais da súa cooperación e colaboración interestamental.

Non seu esqueceu Ana Comesaña de sinalar os Plans postos en marcha polo departamento sanitario galego, entre os que citou a Estratexia Galega de Saúde 2030, o Plan de Igualdade, ou o Plan de Economía Circular.

Tamén subliñou os máis de 20 acordos sobre asuntos importantes acadados na Mesa Sectorial, en materias como o pacto de selección temporal, carreira profesional, xornada ordinaria e gardas, retribucións salariais, cobertura de ausencias en primaria, nomeamentos de continuidade, dereitos sindicais, médicos de urxencias e de PAC, persoal residente en formación, plans parciais de primaria, exención de gardas de maiores de 55 anos e baremos de acceso a emprego fixo.

Outras iniciativas en materia de recursos humanos postas en marcha polo Sergas e destacadas pola directora xeral son, en materia de formación, o apoio emocional aos traballadores, do que máis de 26.000 profesionais xa realizaron os cinco cursos, ou a formación en violencia de xénero, realizada por preto de 12.000 empregados. Tamén citou a integración de persoas con discapacidade intelectual, ao redor de 100, e as medidas novidosas como o Plan de remuda xeracional coa incorporación por tres anos de 60 MIR que remataron a formación este ano, ou o acceso fixo por méritos a postos de difícil cobertura e hospitais comarcais, 600 prazas.

Para rematar a súa intervención, Ana Comesaña sinalou que o benestar forma parte relevante da Estratexia da Consellería de Sanidade e do presente e futuro das condicións de traballo en proceso de mellora continua.

A mesa na que interveu a directora xeral do Sergas estivo moderada pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e nela tamén interviñeron, Iñigo Cortázar, director xeral de Recursos Humanos do SESCAM; e Elena Cámara, directora xeral de Persoal e Desenvolvemento Profesional de JcyL.

Outros temas abordados

Outra mesa destacada da xornada de hoxe foi a que abordou as Miradas de xénero en saúde: novos enfoques; moderada pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e coa participación do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; a xefa de servizo de Saúde Mental, María Tajes; e a coordinadora da área da muller de Aliad Ultreia Ana Barba. Así, o xerente de Vigo dixo que os profesionais teñen que ser conscientes de que existen determinados sesgos á hora de tratar os pacientes, e que o Sergas e as áreas son conscientes da importancia desta perspectiva de xénero na asistencia sanitaria. Pola súa parte, María Tajes sinalou que en Galicia estímase que un 20% da poboación terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida.

Outras mesas destacadas abordarán a Atención Primaria, retos e propostas innovadoras; Diversamente iguais: oportunidades para o cambio organizacional e social; Persoal de enfermería e retención de talento sanitario; e Humanizando dende dentro, cara o benestar emocional e laboral.

Xornada de mañá

Na xornada de mañá, o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, moderará unha mesa sobre liderado e novas estratexias de xestión para as organizacións sanitarias futuras. Con posterioridade, Daniel de la Cámara, presentador, moderador e humorista, pronunciará unha conferencia sobre como ser feliz no traballo. A clausura correrá a cargo da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña.

Data de actualización: 30/11/2023