Rivo agradece ao Consello Económico Social e ao tecido produtivo a súa contribución para facer de Galicia unha terra de oportunidades na que vivir e traballar

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nun xantar-coloquio entre o presidente do Consejo Económico y Social de España e representantes do tecido produtivo, organizado pola Confederación de Empresarios

Ofrecendo a colaboración da Xunta co organismo, recalcou os apoios en Galicia á economía social, que se confirman cun orzamento de 43,6 M€ en 2024, cunha nova Estratexia para este eido deica 2027 e cunha nova Lei de cooperativas

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe nun xantar-coloquio entre o presidente do Consejo Económico y Social (CES) de España, Antón Costas, e representantes do tecido produtivo galego, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia. No encontro, a conselleira ofreceu a disposición da Xunta para traballar da man do CES en beneficio de Galicia, ao tempo que reafirmou o apoio autonómico á economía social, que se demostra cun incremento dun 3 % nos orzamentos de 2024 con respecto a este ano, ata chegar aos 43,6 millóns de euros.

Na súa intervención, a conselleira puxo de relevo os tres propósitos estratéxicos do seu departamento con ese presuposto, buscando darlle un pulo á filosofía empresarial que pon as persoas por diante do beneficio económico. Primeiramente, perséguese difusión da economía social (entre outras, a través da Rede Eusumo que leva 11 anos acompañando ás entidades deste eido), e tamén a creación e consolidación de iniciativas de economía social (fomentando a incorporación a cooperativas e sociedades laborais, a recuperación de negocios sen relevo xeracional ou a transformación dixital e a mellora da eficiencia enerxética). Así mesmo, avógase pola promoción do emprego inclusivo (con axudas a empresas de inserción, centros especiais de emprego ou apostando pola formación dual para persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental).

Nesa liña, Elena Rivo tamén se quixo referir á Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, na que se está a traballar para impulsar o crecemento das empresas e para crear novas firmas atendendo á diversificación nos sectores relevantes (tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable). Ademais, fixo alusión á nova Lei de cooperativas na que se está a avanzar de xeito participativo co sector, para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades minimizando a burocracia.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que o apoio á economía social é só un dos piares do seu departamento, que tamén incentiva de xeito decidido o emprendemento -con especial consideración cara ao feminino- ou a formación e reciclaxe continua tanto de persoas desempregadas como traballadoras, para seguir consolidando a mellora do mercado laboral. Sempre, recalcou, apelando á diversidade, equidade e calidade do emprego, defendendo de xeito contundente a igualdade de xénero co obxectivo de erradicar calquera tipo de discriminación.

Nese senso, a conselleira quixo agradecer tanto o Consejo Económico e Social de España, como ao CES de Galicia (tamén presente no xantar-coloquio a través do seu presidente Pablo Junceda) a súa contribución para facer da nosa Comunidade unha terra de oportunidades, sempre da man do tecido produtivo, onde vivir e traballar. Porque -concluíu- “o emprego é a mellor política social e abre as portas do benestar”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023