A Xunta e o goberno vasco comparten coñecementos e experiencias sobre inventarios forestais rexionais

O goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, está a colaborar coa Fundación Hazi, unha entidade instrumental da administración vasca, para analizar os pasos dados en materia forestal

Para afondar nesta vía de cooperación, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe nun taller con persoal da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, dentro da Universidade de Vigo, sobre o uso de sensores remotos para a produción de cartografía

Pontevedra, 30 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe nunha reunión de traballo co persoal da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, dependente da Universidade de Vigo, para seguir avanzando na colaboración coa goberno do País Vasco á hora de compartir coñecementos e experiencias sobre inventarios forestais rexionais.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a traballar coa Fundación Hazi, entidade instrumental do goberno vasco, para abordar as experiencias na materia entre ambas comunidades. O Inventario Forestal Continuo de Galicia foi un proxecto pioneiro e demandado polo sector forestal galego, que se puxo en marcha no 2020, e os resultados, tanto en forma de mapas e datos numéricos, empezáronse a presentar este ano.

No caso do País Vasco, o seu inventario forestal comezou a mediados dos anos 80 e dispón dunha experiencia e datos consolidados que serven como referencia e leccións aprendidas para outros que se están levando a cabo, como é o impulsado pola Xunta.

As reunións técnicas co persoal de Hazi co da Xunta e das universidades galegas están a sacar resultados positivos. A de hoxe estivo centrada no uso de sensores remotos para a produción de cartografía. Mañá, 1 de decembro, celebrarase outra na Escola Politécnica Forestal da Universidade de Santiago de Compostela, na que se abordará o inventariado, a metodoloxía e a toma de datos das parcelas de campo.

Mapa forestal de Galicia de alta resolución

No mes de decembro, a Universidade de Vigo presentará a metodoloxía empregada na composición do primeiro mapa forestal de Galicia de alta resolución, un mapa cun tamaño de píxel de 1,24 metros, que radiografía dun xeito exacto os montes galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023