A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou na constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero

Martina Aneiros destaca en Neda a nova Lei de Igualdade como “garante da equidade en tódolos espazos e esferas da vida”

A representante do Goberno galego destacou os 23,5 M€ de orzamentos que a Secretaría Xeral da Igualdade destinará o próximo ano para a loita contra esta lacra

Neda (A Coruña), 30 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá en Neda na constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero onde puxo en valor o traballo realizado polas distintas administración, institucións e corpos de seguridade “á hora de facilitar dinámicas de traballo colaborativas e de intercambio de coñecementos” na loita contra a violencia de xénero.

Ademais de afondar na finalidade destas mesas para “incrementar a efectividade da coordinación interinstitucional” e lograr o obxectivo de “cero vítimas”, Aneiros puxo en valor a nova Lei de Igualdade, aprobada a pasada semana no Parlamento galego, como garante da “equidade en tódolos espazos e esferas da vida”.

Segundo apuntou no encontro, a nova norma incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación no ámbito da cultura e do deporte, fomentando actividades deportivas e artísticas inclusivas e igualitarias.

No ámbito dos concellos fixo fincapé en que se promoverán programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual e se reforzará a igualdade no eido dixital, atendendo a calquera acción machista por medios tecnolóxicos.

A delegada territorial destacou tamén o incremento nun 14,46% do orzamento destinado pola Secretaría Xeral da Igualdade para combater esta lacra en 2024. En concreto investiranse 23,5 M€ para impulsar a sensibilización colectiva, a formación de profesionais, o asociacionismo ou a corresponsabilidade, e as axudas económicas e servizos de atención e acompañamento, segundo informou.

Aludiu ademais aos case 11 millóns de euros que se convocarán o ano que vén para que as entidades locais avancen na prevención da violencia de xénero, na promoción da igualdade e da conciliación e no apoio aos centros de información á muller (CIM) e recordou a posta en marcha do centro de atención 24 horas ás vítimas de violencia de xénero que se está a habilitar no hospital Novoa Santos e cuxa posta en marcha se prevé para o primeiro semestre de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/11/2023