Alfonso Villares mantén un encontro de traballo coa confraría de Vilaboa para coñecer de primeira man as necesidades dos profesionais desta zona da ría de Vigo

Vilaboa (Pontevedra), 29 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a Confraría de Pescadores de Vilaboa e mantivo unha reunión de traballo cos seus representantes para abordar as principais necesidades dos profesionais do mar desta zona da ría de Vigo. O titular de Mar destacou a complexidade da situación actual do recurso marisqueiro e trasladou aos presentes que xa se está traballando na elaboración dos informes técnicos nos que sustentar a solicitude ao Goberno central de zona de emerxencia para as zonas afectadas. Tamén sinalou que de cara ao futuro e unha vez coñecido con detalle a situación de todos os areais procederase a traballar na planificación do resementado de acordo co sector e dos biólogos valorando as épocas do ano máis propicias e as especies ou variedades máis resistentes aos episodios de baixa salinidade como o de este ano.

A Xunta leva investidos neste concello 7,8 millóns de euros en actuacións nos ámbitos da competitividade e innovación tecnolóxica, na ordenación e xestión dos recursos mariños, no desenvolvemento pesqueiro e nas infraestruturas portuarias. Nese mesmo período, a Consellería do Mar investiu na confraría de pescadores de Vilaboa Pedra da Oliveira preto de 2 M€, indo a maior parte dos recursos destinouse ao acondicionamento e rexeneración de bancos marisqueiros e á protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños. Ademais, no 2023 Portos de Galicia procedeu á redacción de novos proxectos que suporán un investimento futuro de 2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/11/2023