A conselleira de Política Social e Xuventude participou na xornada de clausura do proxecto piloto de loita contra a pobreza infantil Fain

Fabiola García lembra que os orzamentos de 2024 contemplan 153 M€ en materia de inclusión social para apoiar aos fogares máis vulnerables

Este programa permitiu atender a preto de 1400 familias con menores a cargo no coidado, gastos de vivenda, compra de material escolar ou na empregabilidade

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou hoxe na xornada de clausura do proxecto piloto de loita contra a pobreza infantil Fain. Durante a súa intervención lembrou que os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2024 contemplan 153 millóns de euros en materia de inclusión social para seguir apoiando aos fogares máis vulnerables, especialmente aqueles con menores a cargo.

Fabiola García sinalou que esta iniciativa permitiu atender a preto de 1400 familias con menores a cargo nas áreas máis urxentes e necesarias como a atención sanitaria, os gastos da súa vivenda, os estudos, a compra de material escolar ou a empregabilidade. Na súa posta en marcha colaboraron sete entidades sociais de Galicia: Juan Soñador, Cáritas diocesana de Mondoñedo-Ferrol, Cáritas Diocesana de Lugo, Asociación Arela, o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Fundación Meniños.

Así mesmo, a conselleira puxo en valor que este programa contou con presenza nas sete cidades, pero tamén noutros 25 concellos do rural. Neste sentido, afirmou que calquera iniciativa de atención social na nosa Comunidade debe ter en conta a súa realidade territorial. Por iso, agradeceu ás entidades participantes pola súa visión da Galicia real e por atender a todos os galegos alí onde o necesitan. 

Orzamentos 2024

A conselleira destacou que o Goberno galego continuará colaborando co tecido social para poñer en marcha máis iniciativas que lle axuden ás persoas a facer fronte á suba xeneralizada dos prezos. Así, puxo como exemplo o incremento das ordes de axudas a entidades e con cargo ao 0,7 % do IRPF, o mantemento da Risga para todas aquelas persoas que non queiran ou non poidan transitar ao IMV e a consolidación do reforzo ás axudas de inclusión social para atender aqueles gastos inesperados nos fogares con menos capacidade de reacción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023