As obras de conservación da rotonda elevada de Sabón farán necesario o corte deste tramo da AC-551 en Arteixo na xornada do venres e ata primeira hora do sábado

Procederase á substitución das xuntas de dilatación desta infraestrutura, no marco dos traballos de conservación da rede viaria de titularidade da Xunta

A circulación manterase pola glorieta a nivel, evitando así o desvío do tráfico

A Xunta segue a traballar para manter as estradas nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

As obras de conservación da rotonda elevada de Sabón farán necesario o corte neste treito da AC-551 en Arteixo durante a xornada deste venres, día 1 de decembro, e ata primeira hora do sábado.

 

O corte de tráfico é necesario para proceder á substitución das xuntas de dilatación desta infraestrutura, no marco dos traballos de conservación da rede viaria autonómica que realiza o departamento de Infraestruturas da Xunta.

 

En concreto, para acometer estes traballos procederase ao peche da circulación nesta glorieta desde as 9,30 horas deste vindeiro venres e ata as 8,00 horas do sábado día 2.

 

Para evitar no posible incidencias no tráfico, sobre todo en hora punta, a circulación manterase pola glorieta a nivel, evitando así o desvío do tráfico.

 

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 29/11/2023