O Sergas mellora os resultados de espera cirúrxica nos pacientes con prioridade 1

O tempo medio de espera para operacións de pacientes con prioridade máxima redúcese aos 16,4 días, dous días menos que en 2022

O Sergas incrementou a súa actividade cirúrxica de pacientes con prioridade 1 chegando ás 13.122 operacións, máis de medio milleiro con respecto ao ano pasado

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

O Servizo Galego de Saúde reduce os tempos medios de espera para intervencións cirúrxicas de pacientes con prioridade 1, aqueles con patoloxías tempo-dependentes, ata os 16,4 días, baixando máis de dous días (2,2 días) con respecto a 2022.

Segundo os datos do primeiro semestre de 2023, en practicamente todas as áreas sanitarias diminúen, en comparación cos datos de 2022, a espera media neste tipo de cirurxías nas que a axilidade na súa intervención ten un maior impacto para un mellor prognóstico e unha evolución máis favorable da enfermidade.

Así, a área sanitaria da Coruña e Cee mantivo unha espera media de 14 días (2,4 menos que en 2022); Santiago de Compostela e Barbanza, 14,3 días (3,4 menos); Ferrol, 23,5 días (4 menos); Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 19,6 (2 menos); Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 12,1 (2,9 menos), Pontevedra e O Salnés, 14,5 (1,1 máis), Vigo, 18,5 (2,6 menos) e o Hospital Povisa, 12,7 días (incremento de 3 días).

Estes datos son moi similares (tan só 0,4 días de diferenza) aos acadados no ano 2019 -ano do mellor resultado histórico nas listas de espera en Galicia-.

Por outra parte, tamén cómpre sinalar que se reduciu de forma moi importante a espera dos pacientes en prioridade 2, pacientes cuxa situación clínica ou social admite unha demora relativa, sendo recomendable a intervención nun prazo inferior a 90 días. Diminuíu en 8,6 días para acadar unha espera de 65,4 días, conseguindo unha redución dun 11 %.

Máis de 13.000 pacientes intervidos no primeiro semestre

En canto ao número de intervencións, o Sergas realizou 13.122 no primeiro semestre do ano, superando en 532 as operacións do mesmo período de 2022, que foron 12.590. Por áreas sanitarias, a actividade cirúrxica de pacientes con prioridade 1 acadou as 2.818 intervencións na Coruña e Cee; 2.534 en Santiago de Compostela e Barbanza; 2.508 en Vigo; 1.581 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 1.203 en Povisa; 945 en Pontevedra e O Salnés; 795 en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e 738 en Ferrol.

Estes datos en cirurxías de pacientes con prioridade 1, ao igual que o dato global de listas de espera que sitúa a Galicia, por primeira vez, como a segunda comunidade autónoma con mellores datos do Sistema Nacional de Saúde, son froito do esforzo do persoal da sanidade pública galega e da mellora continua que a Xunta impulsa na xestión dos pacientes incluídos na lista de espera cirúrxica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023