Profesionais das sete áreas sanitarias comparten avances na estratexia de humanización do Sergas para mellorar a asistencia que se presta á cidadanía

A II Xornada de humanización da asistencia sanitaria de Galicia foi inaugurada pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, quen remarcou a importancia de procurar un balance adecuado entre o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a humanización da atención sanitaria

Neste encontro, o Sergas quere dar voz a todas as áreas sanitarias, comprometidas como están en conseguir que os centros sanitarios sexan sinónimo de coidado e respecto

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, inaugurou hoxe pola mañá a II Xornada de humanización da asistencia sanitaria de Galicia, na que cada área sanitaria presenta accións de humanización elixidas entre as realizadas, co obxectivo de darlle voz no seu traballo de desenvolvemento da Estratexia de Humanización do Sergas. Esta reunión será o punto de encontro para que os profesionais deste ámbito poidan intercambiar e compartir experiencias e proxectos co fin de proporcionar a mellor asistencia posible aos pacientes.

Tal e como sinalou a xerente do Sergas, a humanización en sanidade debe promover a incorporación de valores: dignidade, empatía e proximidade ás persoas que sofren, procurando a atención individualizada, e dando prioridade ás necesidades, valores e preferencias de cada persoa.

Na súa intervención, Estrella López-Pardo remarcou a necesidade de avanzar cara a unha medicina de proactividade, precisión e efectividade, pero é igual de importante reforzar a personalización dos servizos sanitarios, que parten sempre dunha relación de confianza entre o paciente e o profesional sanitario.

A representante da sanidade pública galega dixo que é necesario procurar un balance adecuado entre o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a humanización da atención sanitaria. Tamén incidiu en que a humanización e a bioética proporcionan un marco sólido para unha atención de calidade baseada no respecto ás persoas.

Xunto ao anterior, a xerente do Sergas puxo en valor que a Estratexia de Humanización do seu departamento non so beneficia aos pacientes e familias, senón tamén aos profesionais da saúde, xa que a conexión e o diálogo cos pacientes é a razón fundamental da profesión sanitaria.

Para rematar a súa intervención, Estrella López-Pardo concluíu que os principios de humanización permiten construír pontes entre a ciencia e a arte de coidar, de xeito que cada acto profesional convértese nun investimento na saúde integral dos pacientes, e finalizou remarcando que o Sergas quere dar voz a todas as áreas sanitarias, comprometidas como están en conseguir que os centros sanitarios sexan sinónimo de coidado e respecto.

Data de actualización: 29/11/2023