A Xunta destaca o papel clave das aulas CeMIT para acadar unha transformación dixital inclusiva

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, visitaron hoxe a aula CeMIT de Moaña

A Rede CeMIT conta con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011

Moaña (Pontevedra), 29 de novembro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel fundamental da rede pública de aulas CeMIT para acadar unha transformación dixital inclusiva.

Durante unha visita á aula CeMit de Moaña, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, o conselleiro referiuse ao ciclo formativo básico en Intelixencia Artificial que remata hoxe nesta aula, como exemplo da aposta da Xunta para que todos os galegos, independentemente da súa idade, formación e lugar no que vivan, poidan sacar o máximo proveito das tecnoloxías. Este ciclo formativo básico en IA contou con máis de 220 participantes.

Miguel Corgos puido constatar o interese que este tipo de formación esperta entre a cidadanía e recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.

Así mesmo, subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé no labor da rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.

Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano.

Carta ao novo ministro de Transición Digital

Miguel Corgos puxo a Rede CeMIT como exemplo da importancia da colaboración entre administracións, en beneficio da cidadanía e, nesa liña, explicou que acaba de remitirlle unha carta ao novo ministro de Transformación Digital, José Luis Escrivá, para expresarlle a máxima colaboración institucional por parte da Xunta de Galicia e lembrarlle algúns dos temas comúns a abordar.

Neste sentido, solicitóuselle que nas convocatorias que vaia desenvolver se fixen obrigas de cobertura por comunidades autónomas, tanto en actuacións de rede fixa como móbil como de cobertura fóra dos núcleos de poboación, en especial en zonas de importante tránsito de persoas, con especial interese nas distintas rutas do Camiño de Santiago.

E tamén lle reiterou o interese da Xunta en formar parte do Consejo Rector da futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, pois supón oportunidade para achegar a experiencia acumulada e coñecementos neste eido de Galicia, así como un compromiso firme para promover un ecosistema de Intelixencia Artificial que sexa beneficioso para toda a cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023