A conselleira de Política Social e Xuventude participou na inauguración do I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Mocidade do Sistema de Protección

Fabiola García sinala que o programa mentor apoiou nestes 25 anos a máis de 10.000 mozos do sistema de protección na súa transición á vida adulta

Este foro, organizado por Igaxes, permitiu conmemorar o aniversario deste proxecto que ofrece acompañamento e apoio a mozos de entre 16 e 21 anos, nalgúns caso de ata 25, que se atopan dentro do sistema de protección a menores autonómico

Ourense, 29 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, inaugurou esta mañá o I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Mocidade do Sistema de Protección de Menores organizado por Igaxes. Durante a súa intervención sinalou que o programa Mentor apoiou a máis de 10.000 mozos que se atopan dentro do sistema de protección autonómico na súa formación e na súa emancipación unha vez superada a maioría de idade.

A conselleira apuntou que, coa súa posta en marcha no ano 1998, Galicia converteuse unha vez máis nunha Comunidade de referencia ao ser unha das primeiras en ofrecer aos menores tutelados esta posibilidade. Unha medida que foi imitada por outras comunidades autónomas e que mereceu o recoñecemento da Unión Europea en múltiples ocasións como exemplo de boas prácticas.

En concreto, o programa Mentor permite ofrecer axuda, asesoramento e seguimento profesional a mozos de entre 16 e 21 anos que están dentro do sistema de protección, un apoio que se pode estender ata os 25 anos nalgúns casos. Para a súa posta en marcha, o Goberno galego conta coa colaboración de entidades como Igaxes que, segundo lembrou a conselleira, contan coa experiencia e a profesionalidade para que o seu funcionamento sexa todo un éxito.

Mentor rural

Así mesmo, Fabiola García sinalou que no ano 2022 o Goberno galego impulsou o programa Mentor Rural para promover a empregabilidade e o asentamento destes mozos nun concello do rural galego. Este proxecto piloto foi implantado durante este tempo nas provincias de Lugo e Ourense e está a ser todo un éxito que, ademais, facilita a revitalización destes zonas xeográficas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/11/2023