A Xunta ratifica en Bergondo o seu compromiso coa seguridade industrial con novas medidas orientadas cara a prevención e limitación de riscos

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, interveu esta mañá na inauguración da xornada técnica ‘Protexer as túas instalacións: primeiro paso cara á seguridade’

Bergondo (A Coruña), 28 de novembro de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, interveu esta mañá en Bergondo na inauguración da xornada técnica Protexer as túas instalacións: primeiro paso cara á seguridade. Nela ratificou o compromiso da Xunta nesta materia e avanzou que en 2024 se desenvolverá un Plan para a mellora da seguridade industrial en Galicia orientado cara a prevención e limitación dos riscos nas instalacións.

Este Plan inclúe a creación do Consello Galego da Seguridade Industrial, como órgano consultivo e participativo; un plan extraordinario como complemento do que se realiza de xeito habitual; así como un plan de fomento e difusión. Ademais, traballarase na regularización de instalacións industriais.

Na súa intervención, o secretario xeral avogou por incorporar a seguridade industrial á estratexia empresarial co obxectivo de ampliar e consolidar novos mercados de interese pero incidiu, sobre todo, en que non só afecta a contornas industriais, senón a todos os sectores e a toda a cidadanía. Deste xeito, subliñou a importancia da investir en seguridade industrial para evitar danos persoais e materiais e para conseguir un mantemento adecuado das instalacións evitando que se poida producir a paralización da súa actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023