A Casa de Galicia acolle a presentación en sociedade da nova asociación xacobea de gastronomía e turismo (AXGATUR)

Madrid, 28 de novembro de 2023

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou no día de onte xunto a Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, na presentación para prensa especializada da Asociación Xacobea de Gastronomía e Turismo (AXGATUR), que se presentou onte de forma oficial na Casa de Galicia en Madrid nun acto con máis de 150 asistentes.

Trátase dun proxecto para agrupar ao mundo da hostalaría, a restauración e o turismo con selo de Galicia en Madrid.

AXGATUR está formada por un grupo de profesionais, empresas e outras institucións vinculadas coa cultura, gastronomía e turismo galego e que ten como fío condutor o Camiño de Santiago.

“A idea é construír un futuro baseado na colaboración estratéxica e as alianzas, establecer sinerxías entre os nosos asociados e facelo ademais con espírito aberto de colaboración con todas as comunidades por onde discorre o camiño de Santiago”, afirmou Vitoria Maseda, presidenta desta asociación e con raíces en Lugo.

O acto contou ademais coa presenza do exbaloncestista ferrolán Fernando Romay e coa do actor ourensán Sergio Pazos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023