Lorenzana e o alcalde de Boiro avalían vías de cooperación para atraer investimentos industriais cara ao municipio

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reunise co rexedor do concello coruñés, José Ramón Romero, a quen informou da nova Estratexia de Política Industrial na que está a traballar o Goberno galego
 

Neste contexto, ofreceu a máxima colaboración para captar novos proxectos empresariais, contribuíndo ao crecemento e á creación de emprego no municipio
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co alcalde de Boiro, José Ramón Romero, no que avaliaron diferentes vías de cooperación entre a Administración autonómica e a municipal para atraer investimentos industriais cara ao municipio coruñés, no marco da nova Estratexia de Política Industrial na que está a traballar o Goberno galego.

Neste marco, Lorenzana lembrou a próxima posta en marcha dun Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, que contempla, ademais, a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e de plans directores para os diferentes sectores. O obxectivo é converter a Comunidade nun polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación apuntou as oportunidades que se abren para concellos como o de Boiro, que está a traballar na potenciación das súas infraestruturas industriais, e amosou a súa colaboración para cooperar tanto coa Administración local como coas asociacións de empresarios boirenses para captar novos proxectos e potenciar os xa existentes, contribuíndo ao crecemento e á creación de emprego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023