A Xunta inviste máis de 500.000 euros na formación con prácticas remuneradas de 20 desempregados de Moraña e Valga

Os participantes traballarán en proxectos que revertan a favor dos seus concellos

Reguera mostrouse moi optimista e lembrou que unha gran parte do alumnado das edicións anteriores conseguiu entrar no mercado laboral grazas a esta iniciativa

A Xunta destina preto de 7,5 millóns de euros aos 14 obradoiros duais de emprego da área territorial
 

Moraña, 28 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do obradoiro dual de emprego Ulla-Umia VII, financiado pola Xunta nos concellos de Moraña e Valga.

Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cun investimento da Xunta de máis de 530.000 euros, participarán 20 persoas desempregadas. O alumnado divídese entre as especialidades de Auxiliar en conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e a de Carpintería e moble, aplicación de vernices e lacas e mecanizado de madeira. Ambas contarán con prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.

Estas prácticas reverterán ademais a favor da súa veciñanza, xa que ambas especialidades levarán a cabo proxectos de mellora ou mantemento nos seus concellos. Neste sentido, espérase que o alumnado relacionado co sector forestal realice labores de limpeza e acondicionamento das sendas da Bouza; A Alberguería; e A Barosela, ademais de traballar nas contornas da piscina municipal e do campo de fútbol do Burelo.

Por outra banda, os futuros carpinteiros traballarán na conservación e mantemento de varios parques infantís, crearán novo mobiliario urbano e interior e elaborarán as pequenas casetas da aldea de Nadal de Moraña.

O obxectivo destes obradoiros é mellorar a empregabilidade dos participantes formándoos nun oficio altamente demandado polo tecido empresarial. O delegado territorial agradeceu aos asistentes a motivación coa que empezan estes obradoiros e convidounos a “traballar duro”. Ademais, lembrou que boa parte do alumnado que participou nesta iniciativa o ano pasado conseguiu un emprego no seu sector: “Hai apenas uns meses pechamos os obradoiros duais de emprego 2022-2023, e en todos os concellos había varios alumnos ou alumnas que xa conseguiran un emprego, antes incluso de rematar o obradoiro”.

Neste sentido, Reguera fixo fincapé no grande investimento que supoñen este tipo de iniciativas e nos seus bos resultados. “A Xunta inviste máis de 500.000 euros en cada obradoiro. Son preto de 7.5 millóns en toda a área territorial. É un investimento moi grande, pero tamén é un investimento moi ben utilizado porque ao longo dos anos comprobamos que os que se esforzan e teñen ganas como vós, acaban entrando no mercado laboral”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023