A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou na inauguración do Ecoencontro 2023

A Xunta avoga polo diálogo entre administracións, produtores e xestores de residuos para apostar polo ecodeseño e avanzar cara á economía circular

Sagrario Pérez fai fincapé en que Galicia leva anos traballando nesa liña con iniciativas como a Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e a Alianza galega polo clima

Madrid, 28 de novembro de 2023

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, avogou hoxe por un diálogo proactivo e efectivo entre administracións, produtores e xestores de residuos para apostar polo ecodeseño e avanzar cara á economía circular. 

Durante o acto de inauguración do Ecoencontro 2023, organizado por Recyclia, a directora xeral incidiu na necesidade de apostar polo ecodeseño como un procedemento no que todos os elos da cadea compartan a estratexia e os obxectivos que contribúan a loitar contra o cambio climático. 

Nese senso, Sagrario Pérez fixo fincapé en que o Goberno galego leva anos traballando nesa liña con iniciativas como a Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 ou a Alianza galega polo clima, que reúne xa máis de 90 entidades adheridas –universidades, autoridades portuarias, empresas, etc.- co obxectivo de seguir creando sinerxías na loita contra o quecemento global. 

A maiores, cómpre salientar que a Xunta, ademais de publicar recentemente a Guía de contratación pública ecolóxica, está a desenvolver a que será a primeira lei do clima de Galicia, co obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040. 

Este compromiso reflíctese nos orzamentos para o vindeiro ano, que destinan 212,7 millóns de euros en materia de medio ambiente para continuar a loita contra o cambio climático, a aposta pola resiliencia e a eficiencia na xestión dos residuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023