A Xunta traslada o seu apoio aos traballadores de Einsa Print e pon ao seu dispor todas as ferramentas para garantir a súa formación e recolocación

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes dos traballadores e os alcaldes das Pontes e Pontedeume no que se avaliaron diferentes posibilidades no marco dos Fondos de Transición Xusta

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro cos representantes do Comité de Empresa de Einsa Print no que lles trasladou o apoio da Xunta de Galicia e puxo ao seu dispor todas as ferramentas coas que conta a Administración autonómica para garantir a súa formación e recolocación.

Na reunión, na que tamén participaron os alcaldes das Pontes e Pontedeume, así como representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Lorenzana trasladoulles as xestións realizadas ata o de agora polo Goberno galego, que mantivo diferentes contactos coa empresa para coñecer a súa posición e buscar solucións para os profesionais afectados.

 

Do mesmo xeito, tamén se avaliaron as diferentes posibilidades que se abren para a empregabilidade dos traballadores, no marco dos Fondos de Transición Xusta, co obxectivo de que poidan capacitarse para novos nichos de mercado e participar nalgunha das iniciativas que se desenvolvan na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023