Román Rodríguez anuncia investimentos para mellorar o instituto Lama das Quendas e o colexio Xoán de Requeixo de Chantada

No IES acometerase a construción dun novo salón de actos cun aforo de máis de 200 persoas, que completa a rehabilitación integral acometida en 2020

Nunha visita ao municipio lucense destaca que tamén se vai licitar a redacción do proxecto para o cambio de cuberta e fiestras no centro de Infantil e Primaria

Estas actuacións elevan a máis de 2,5M€ o investimento da Xunta en melloras nos centros educativos deste concello desde 2009
 

Chantada (Lugo), 27 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de máis de 710.000€ no Instituto IES Lama das Quendas de Chantada, onde se creará un novo salón de actos nunha obra que se licitará antes de finais de ano. Así mesmo, estase preparando a licitación da redacción do proxecto para cambiar a cuberta e fiestras do Colexio CEIP Xoán de Requeixo.

Tal e como explicou o conselleiro, “ambas as actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para mellorar as instalacións dos centros educativos, dotándoos de espazos máis amplos, en harmonía coa súa contorna”. “De feito a construción deste salón de actos deseñouse co maior respecto polo entorno natural que ten a parcela do centro”, explicou. 

“Este plan ten ademais entre as súas prioridades a mellora da eficiencia enerxética dos centros, o que entronca directamente coa actuación prevista no Colexio Xoán de Requeixo”, salientou Román Rodríguez. “A finalidade última é mellorar o día a día de alumnado e profesorado, dotando as instalacións educativas de maior confort”, dixo.

Coas obras anunciadas hoxe, o orzamento en obras nos centros educativos do concello de Chantada desde 2009 superará os 2,5M€.

Aforo de máis de 200 persoas

O titular do departamento educativo da Xunta destacou que o novo salón de actos do Instituto Lama das Quendas contará cunha superficie de 347,80m² de superficie, cuberta a dúas augas e entrada de luz cenital.

Dotarase de butacas para máis de 200 persoas e unha zona de escenario con camerino e almacén. Ademais, contará cunha sala de instalacións aberta ao exterior para situar a climatización e unha zona lateral desde a cal se poderán realizar gravacións. O novo espazo terá forma de óvalo, o que permite unha mellor acústica para as actividades que se realicen nel.

Esta actuación completa a rehabilitación enerxética realizada neste centro en 2020 e eleva a case 1,5M€ o investimento en melloras neste centro desde 2009.

Respecto ao Colexio CEIP Xoán de Requeixo, Román Rodríguez detallou que a licitación da redacción do proxecto está prevista para o primeiro trimestre de 2024. “O obxectivo é renovar a cuberta e as fiestras do colexio e o orzamento concretarase unha vez finalizado o proxecto”, explicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023