Xunta e Estado fixan os obxectivos do Plan de Inspección de Traballo en Galicia en 2024 que prevé un reforzo no control da prevención de riscos laborais nas empresas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Comisión Operativa da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia que tivo lugar en Santiago de Compostela

O Plan de Inspección para 2024 prevé un incremento da actividade dun 2%, para chegar a desenvolver preto de 41.800 actuacións ao longo do vindeiro ano

Incidirase no control das condicións dos traballos que se desenvolven en circunstancias ambientais adversas

Incrementarase tamén o control para evitar fraudes na contratación temporal e porase o foco nos tempos de traballo, con especial atencións ás reducións de xornada

Mancha sinalou que este ano, a falta dun mes para pechar 2023, as actuacións xa supoñen a data de hoxe 5.000 máis que as realizadas no mesmo período do 2022
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Comisión Operativa da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que, entre outros, asistiu o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia (ITSS), Demetrio Fernández. Na reunión aprobáronse os obxectivos e determinouse a actividade prioritaria a desenvolver pola Inspección de Traballo en Galicia ao longo de 2024.

A actividade inspectora reforzarase e, así, o Plan aprobado hoxe prevé un incremento do 2% das actuacións a realizar ata chegar ás preto de 41.800. Mancha sinalou que, entre outros, incidirase máis no control das accións que desenvolven as empresas en materia de prevención de riscos laborais, co foco posto na construción, nos riscos psicosociais ou no control da prevención de riscos con enfoque de xénero. Así mesmo, intensificarase o labor de inspección nos traballos que se desenvolven en condicións ambientais adversas.

Farase fincapé, ademais, nas accións para combater o fraude na contratración temporal, ao tempo que se reforzará o control do tempo de traballo, con especial atención á redución de xornada. A inspección das condicións laborais nas cadeas de subcontratación tamén será prioritaria no 2024.

Mancha sinalou na xuntanza a importancia de que se reforce o persoal inspector en Galicia, xa que indicou que “un sistema de inspección forte incide nunha mellor protección dos dereitos laborais e da saúde dos traballadores, así como nun maior control da sinistralidade no traballo, o que redundará nun incremento da competitividade das empresas”.

Para rematar, puxo en valor o traballo que Xunta e Estado desenvolven en coordinación en materia de Inspección, sinalando que a falta dun mes para pechar 2023, as actuacións este ano xa supoñen a data de hoxe 5.000 máis que as realizadas no mesmo período do 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023