O conselleiro do Mar acompañou aos investigadores do CIMA nesta acción de impulso á produtividade do sector

A Xunta aposta pola rexeneración dos bancos e fai entrega de preto de cen mil unidades de semente de ameixa cultivada no CIMA ás mariscadoras de Cariño

Os exemplares do molusco foron criados no Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e preengordados posteriormente nas instalación do Vicedo

Con esta entrega darase un novo impulso á recuperación da actividade marisqueira que están levando adiante as profesionais da confraría

Alfonso Villares reitera a importancia da colaboración dos centros de investigación ligados ao mar co sector para buscar solucións aos seus problemas

Cariño (A Coruña), 27 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañou hoxe aos investigadores do Centro de Cultivos Mariños (CIMA) de Ribadeo, en Lugo, que entregaron hoxe unha partida de 98.400 unidades de semente de ameixa xaponesa ás mariscadoras de Cariño. Esta iniciativa forma parte da acción de investigación que leva por título ‘Ciclo completo de produción en proximidade no minicriadeiro de O Vicedo, de dúas especies autóctonas: ameixa fina (Ruditapes decussatus, Linnaeus, 1758) e coquina (Donax trunculus, Linnaeus, 1758)’. O obxectivo é impulsar a produción de xuvenís do molusco coa que fornecer a demanda das confrarías galegas do Cantábrico próximas as instalacións de Ribadeo e do Vicedo.

Este traballo, que rematará en 2024, está financiado na súa totalidade pola Consellería do Mar e conta cun orzamento total que supera os 174.000 euros, distribuídos en catro anualidades. Desde 2019 o CIMA de Ribadeo entregou ás confrarías máis de 12 millóns de unidades de bivalvos: 5,8 millóns de ameixa xaponesa, 5,4 millóns de ameixa babosa, 780.000 exemplares de ameixa fina, 10.400 de cadelucha e 76.000 de navalla.

No criadeiro do CiMA na Mariña téñense arredor de 2.000.000 de unidades de semente de ameixa fina, xaponesa e ourizos xuvenís que, segundo van alcanzando o tamaño que se require, se van trasladando ao medio natural. Nos últimos anos, ademais da confraría de Cariño recibiron exemplares para sementar as do Pindo, O Barqueiro, Corcubión, Camariñas, Cangas, Cedeira, Ribadeo, Ribeira, Miño, A Coruña, Baldaio, O Vicedo, Pontedeume, Cabo de Cruz, Ferrol, Rianxo, Barallobre,  A Pobra do Caramiñal, Vilaboa, Mugardos, Ribadeo, ou a Asociación Rañeiros da ría de Arousa, entre outras.

Alfonso Villares volveu a destacar a importancia da colaboración directa entre entidades do mundo da ciencia, como é o caso do CIMA, o Intecmar e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, co sector produtivo á hora de medir o impacto do cambio climático na actividade, por un lado, e tamén contribuír a rexenerar os bancos marisqueiros.

O titular de Mar departiu coas mariscadoras de Cariño os problemas da actual campaña e destacou que mentres se continúa a medir o impacto dos temporais nas principais producións marisqueiras de Galicia e as posibles medidas para paliar a situación a curto prazo -sen desbotar a petición de declaración de emerxencia nas rías-, a medio e longo a Xunta pretende reforzar un conxunto de actuacións dirixidas á rexeneración, como a entrega de máis unidades de ameixas e o traballo con especies máis resistentes ante factores como o aumento da temperatura da auga ou a baixa salinidade. 

Desde 2009 a Consellería do Mar destinou máis de 17 millóns de euros a arredor 400 proxectos para a mellora do estado e a produtividade dos bancos marisqueiros. As accións aprobadas permitiron actuar sobre máis de 18 millóns de metros cadrados de zonas de traballo (con sementeiras, arados ou aportes de áridos, entre outras actuacións) e sementar arredor de 300 millóns de unidades de cría de distintos tipos de ameixa.

A entrega que se realizou en Cariño forma parte dun conxunto de lotes facilitados a distintas confrarías. Así, en 2021 entregáronse 606.100 unidades de ameixa xaponesa, 2.409.520 unidades de ameixa babosa e 413.100 unidades de ameixa fina. En 2022 foron 414.300 os exemplares de ameixa xaponesa entregados, 1.312.650 de ameixa babosa e 222.220 de ameixa fina.

Investigacións en marcha

Entre os ensaios desta acción de investigación realizáronse experimentos para comparar os protocolos de cultivo da ameixa fina e da ameixa xaponesa, cara a intentar avaliar as súas diferencias en crecemento, cambios estruturais na súa morfoloxía ao longo da súa etapa crítica de metamorfose e, sobre todo, o seu diferente comportamento ante as patoloxías que afectan aso cultivos larvarios en criadeiro, que son moi habituais e intensas debido as alteracións do medio mariño relacionadas co cambio climático.

Estas sementes tiveron a súa fase de cultivo larvario e post-larvario no Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, ata que alcanzaron o tamaño axeitado para ser trasladadas ao mar para completar a fase de preengorda nas instalacións do Vicedo, onde chegaron a unha medida non maior de 12 mm.

A seguinte fase de crecemento xa estará da man das mariscadoras de Cariño, que inicialmente continuaran co proceso de preengorda en sacos sobreelevados. Unha vez alcancen o tamaño ideal serán sementadas nos areais, en bancadas con protección vertical e finalmente serán liberadas da protección para medrar en liberdade. Este proceso de cultivo terá unha duración entre 16 e 18 meses ata que alcancen o tamaño comercial, momento na que serán colleitadas para a súa venda.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/11/2023