Portos de Galicia solicita ao Goberno central informe para poder licitar as obras do peirao da dársena interior de Muros, nas que investirá 150.000 euros

Esta actuación únese a outras 14 que están actualmente á espera de resposta do Ministerio para poder completar a súa tramitación

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2023

Portos de Galicia vén de remitir á Dirección xeral da Costa e o Mar, do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a solicitude de informe de compatibilidade coa estratexia mariña en relación ás obras de reconstrución dun tramo de peirao na dársena interior do porto de Muros. Este informe resulta imprescindible para completar a tramitación ambiental da obra e poder licitar uns traballos que, por parte da Xunta de Galicia, contan cunha partida orzamentaria de 100.000 euros comprometidos para 2024 e 50.000 para 2025.

Portos de Galicia ten prevista a execución en 2024 dos traballos que consisten na reconstrución dun tramo de peirao de 18 metros de lonxitude. Esta zona do peirao presenta unha situación problemática de estabilidade polo que se demolerá o tramo afectado ata a súa cimentación. O proxecto de Portos de Galicia inclúe tamén a reposición de todos os elementos e servizos afectados durante a execución do novo tramo de peirao.

Esta solicitude de informe para as obras previstas en Muros súmase a outros 14 informes polos que Portos de Galicia agarda a día de hoxe para poder avanzar na execución doutros tantos proxectos para os portos de Viveiro, Portosín, Porto do Son, San Adrián de Cobres, Palmeira, Santa Mariña de Ponteceso, Corme, Camariñas, Miño, Pontedeume, Maniños-Barallobre, Testal, A Toxa e Sanxenxo. Nalgúns casos os tempos de espera polos informes que condicionan a execución efectiva das obras superan o ano.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/11/2023