Lete Lasa conmemora o Día contra a violencia de xénero acompañado dunha “gran muller” como Desi Vila na presentación da tempada 2024 do club Delikia

O secretario xeral para o Deporte lembra o puxante estado en Galicia do deporte feminino -unha de cada catro licenzas son femininas e vai en aumento- e do deporte adaptado -o 87,5% dos nosos deportistas nos Xogos Paralímpicos regresaron entre os oito mellores do Mundo-

Nigrán (Pontevedra), 25de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da tempada 2024 do Club Delikia, que tivo como acicate a dous novos embaixadores do club como a atleta, diploma olímpico en salto de lonxitude, Desirée Vila, ou o ex xogador de fútbol, Gaizka Mendieta. O mandatario galego destacou a importancia de celebrar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller ao carón dunha gran muller e deportista como Desi Vila e anunciando unha tempada máis dun club tan importante e cuns obxectivos tan nobres como o Delikia.

Lete Lasa destacou o “encomiable obxectivo do club de apoiar e fomentar a integración e inclusividade no deporte a través do deporte”. Neste sentido lembrou que a meta do Delikia é converterse nun club deportivo referente no atletismo adaptado a través da escola de deporte adaptado e no deporte feminino e ligou estes obxectivos con moitos aspectos da política deportiva da Xunta de Galicia.

Así, Lete Lasa, lembrou o puxante estado do deporte feminino e do deporte adaptado en Galicia. Por unha banda, destacou que, unha de cada catro licenzas deportivas das 300.000 coas que conta Galicia xa son femininas. Pola outra que en nos últimos Xogos, Galicia contou coa delegación paralímpica máis brillante da historia con 5 metais e 15 diplomas olímpicos, “situándose o 87,5% dos galegos entre os oito mellores do mundo”.

Do mesmo xeito, Lete Lasa lembrou algunhas das políticas da Xunta en prol do deporte feminino -como o Plan de Patrocinio dos Equipos Feminino de Galicia que xa transita pola súa cuarta edición ou a Campaña NON contra a violencia de xénero que cada ano chega a tantos fogares grazas aos nosos mellores deportistas-.

No que respecta ás principais liñas en prol do deporte adaptado, Lete Lasa destacou o número de deportistas galegos de alto nivel -29- que representa o máis alto da historia; a igualación das bolsas paralímpicas e olímpicas desde 2004; o mesmo importe das axudas para os deportistas que para os seus guías desde 2022; o incremento dos convenios coas federacións deportivas que supón o orzamento máis alto da historia e que deixa 90.000 euros na Federación Galega de Deporte Adaptado en 2023; as tres prazas para deportistas con discapacidade no Centro Galego de Tecnificación Deportiva; ou a nova liña de axudas para equipamentos para os clubs con licenzas de deportistas con discapacidade.

     

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2023