A Xunta lanza un plan de información e formación para o sector bateeiro co fin de mellorar a xestión da mexilla no litoral galego

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica presenta os traballos do proxecto Apromex, que pretende avanzar na sustentabilidade da miticultura

A iniciativa abrangue do análise da poboación de cría do mexillón nas rochas á avaliación de novos sistemas para captala no medio natural e a produción en criadeiro
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 25 de novembro de 2023

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón, en Vilanova de Arousa, acollerá o próximo 29 de novembro ás 11.00 horas unha xornada de divulgación dos traballos realizados dentro do proxecto Apromex, Análise da poboación de semente de mexillón e avaliación de novos sistemas para a súa captación do medio natural e para a súa produción en criadeiro. Esta iniciativa forma parte dun plan para prover de información e formación ao sector mexilloeiro que desde a Consellería do Mar se pretende levar adiante durante 2024.

A miticultura galega, unha das principais actividades acuícolas da comunidade autónoma, desempeña un papel crucial na economía e a sociedade galega. Con todo, para garantir a súa sustentabilidade e desenvolvemento continuo, é esencial abordar os desafíos que enfronta. Neste contexto, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), e co apoio técnico do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, lanzou Apromex en 2022, cofinanciado pola UE a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Durante o último ano, no marco deste proxecto abordáronse tres obxectivos: o análise da poboación de mexilla no litoral rochoso, a avaliación de novos sistemas para a súa captación no medio natural e a produción de mexilla en criadeiro.

Na presentación no CIMA de Corón amosaranse o vindeiro día 29 de novembro os resultados deste proxecto e tamén outros traballos relacionados coa xestión da mexilla, como a identificación de larvas de mexillón nas augas das rías galegas levada acabo pola Universidade de Vigo coa colaboración co Intecmar; falarase da importancia que ten a comunicación dos datos da mexilla que se coloca nas bateas incluídas no REGA; para finalmente, presentar a nova aplicación de mobilidade que permitirá a emisión e transmisión das declaracións de recollida de mexilla en bancos naturais.

A acción intégrase no plan de información e formación para o sector mexilloeiro, un programa de interacción cos profesionáis da miticultura que comprenderá sesións de obradoiros, cunha duración de 90 minutos. Neles distintos poñentes, escollidos entre un panel de expertos de distintos centros de investigación e universidades galegas, presentarán actividades relacionadas co aprovisionamento de mexilla e trasladarán aos produtores a importancia de dispor de información adecuada e suficiente na xestión da semente. Tamén se dará a coñecer ás distintas asociacións as ferramentas das que o propio sector dispón para colocar as cordas colectoras ou emprender os traballos de extracción da cría.

A cita reunirá a produtores de mexillón, técnicos e investigadores e permitirá tanto coñecer novidades asociadas ao sector miticultor como discutir as estratexias e solucións que se exploran para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento continuo do sector

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/11/2023