Declaración institucional 25-N: Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller

A violencia contra ás mulleres é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo actual. Todos os poderes públicos temos o deber de adoptar as medidas necesarias para facer estes dereitos reais e efectivos.

Como cada 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Dita data foi instaurada por primeira vez pola Organización de Nacións Unidas en 1993. A Xunta de Galicia reitera nesta ocasión, como todos os días do ano, a súa firme condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres, así como todas e cada unha das manifestacións da mesma.

A violencia de xénero produce, cada día, situacións dramáticas (mulleres asasinadas, mulleres agredidas, e menores de idade orfos, persoas discriminadas, persoas que viven con medo e persoas que lastran consecuencias físicas ou psicolóxicas).

É absolutamente necesaria a reacción unánime de toda a sociedade, identificar esta violencia, recoñecer as súas sinais e rexeitar de forma contundente a quen agride, a quen xustifica a violencia e a quen ostenta actitudes que a promoven.

Neste acto, queremos lembrar de xeito especial a Beatriz Lijó Gesteira pontevedresa de 47 anos, e a Ana Vanesa Serén Penas, lucense de 44 anos. Ambas asasinadas este ano polas súas ex-parellas. De novo, queremos trasladar todo o noso apoio ás súas familias.

E lembrámonos tamén de todas as persoas que o están a sufrir.

O compromiso da Xunta de Galicia é artellar unha resposta global fronte á violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias. Promover unha asistencia integral ás mulleres vítimas, a todas as persoas que estean ao seu cargo, e fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución desta violencia ata a súa completa erradicación.

O noso deber coas mulleres galegas reflíctese na nova Lei de igualdade. Galicia é a primeira comunidade autónoma en regular o concepto de sustentabilidade social empresarial para modernizar os valores no traballo, garantir a conciliación, que todas as galegas e galegos teñan as mesmas oportunidades e evitar a discriminación da muller no entorno laboral.

A nova Lei de igualdade presta especial atención aos traballos femininos en Galicia, dedicando un capítulo ao sector marítimo-pesqueiro e ao rural. As mulleres destes sectores recoñécense como prioridade nas políticas de emprego autonómicas. Fomentarase o asociacionismo, o traballo en rede, a creación dunha carta de dereitos destas mulleres e o premio Muller Rural e do Mar.

Galicia recoñecerá por primeira vez a discriminación múltiple e interseccional da muller e os factores que dificultan o seu desenvolvemento persoal e social, como son de discapacidade, de etnia, idade avanzada, orientación sexual, pobreza ou trata.

A nosa comunidade reforzará tamén a protección da muller contra os ataques sexistas, fomentando a Cidade Segura, con espazos urbanos libres de violencia, sendas seguras e paradas de transporte público a demanda.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto para toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.

Desde a Administración galega imos seguir traballando co Protocolo de Coordinación e Cooperación institucional fronte a violencia de xénero, coas accións do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, e continuaremos desenvolvendo o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cun amplo marco legal para protexer a todas as vítimas da violencia de xénero, de violencia vicaria, sexual, dixital e ás vítimas de agresión sexual.

A violencia machista esíxenos sobre as medidas postas en marcha desde os diferentes eidos, garantir a atención inmediata e especializada ás vítimas, o castigo aos agresores e a sensibilización e concienciación de toda a sociedade en relación á repulsa que as condutas machistas debe producir.

Non debemos quedar só na reprobación das condutas violentas. Debemos rexeitar tamén a indiferenza, a pasividade, a ignorancia ou a tolerancia, cómplices desta violencia e que favorecen o mantemento dunha situación de desigualdade e discriminación intolerables nunha sociedade avanzada e democrática como a nosa.

Con convencemento de que este é o camiño a seguir, a Xunta de Galicia quere reiterar o compromiso asumido de traballar intensa e conxuntamente na colaboración institucional, na concienciación de toda a sociedade, moi particularmente da xente máis nova, e na mellora das diferentes medidas e recursos postos en marcha co obxectivo último de desterrar a violencia, conseguir a recuperación das vítimas e construír entre todas e todos unha sociedade máis xusta e digna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2023