O presidente galego participou hoxe na clausura da asemblea da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao (Ourense)

Rueda pon en valor as medidas da Xunta para propiciar desenvolvemento industrial, emprego de calidade e aumento do benestar en Galicia

Garante ao tecido empresarial “facilidades, portas abertas e certezas” por parte da Administración galega para que continúe a crear riqueza

Defende as iniciativas “pioneiras” do Goberno galego para crear riqueza social, como a futura Lei de Recursos Naturais e a sociedade mixta Recursos de Galicia

Enxalza como “sinónimo de éxito” a colaboración pública -privada

San Cibrado das Viñas (Ourense), 24 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe as medidas postas en marcha polo Goberno galego para impulsar o desenvolvemento industrial e empresarial en Galicia e defendeu que, deste xeito, é como se crea emprego de calidade e aumentan os niveis de benestar na Comunidade.

“Os que xeran riqueza e emprego sodes vós, non as administracións. Por iso, nesta Xunta sempre atoparedes facilidades, nunca obstáculos, portas abertas, e non pechadas e certezas, e non inseguridades”, garantiulle ao tecido empresarial galego durante a súa participación na clausura da asemblea da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao (Ourense).

Entre as medidas de apoio do Goberno galego, Rueda salientou o pulo ao solo empresarial e citou como exemplo o que se está a levar a cabo en San Cibrao, en Pereiro de Aguiar ou en Paderne de Allariz, entre outros máis territorios da comunidade. Ao que engadiu, as bonificacións do 30 % ou do 50 %. “Somos a única administración que bonifica todo o solo da súa propiedade”, enxalzou.

Nesta liña de actuacións para favorecer o desenvolvemento empresarial e industrial, apuntou á creación da futura Oficina Económica de Galicia que, segundo avanzou, servirá como canle única de comunicación cos empresarios, á vez que puxo en valor a simplificación de trámites que ten impulsado o Goberno galego.

Medidas pioneiras

O mandatario galego tamén fixo fincapé na aposta da Xunta por medidas pioneiras. En concreto, referiuse á futura Lei de Recursos Naturais ou a creación da sociedade mixta Recursos de Galicia, “proxectos sen precedentes para garantir que a riqueza natural de Galicia se traduza en riqueza social”, defendeu.

O presidente galego remarcou que todas estas medidas teñen como “fío común” a colaboración entre a Administración pública e as iniciativas privadas. “Sigamos traballando xuntos”, defendeu ao respecto, ao tempo que erixiu o tecido empresarial galego en xeral, e ao do Polígono de San Cibrao en particular, como “o mellor exemplo” de que a colaboración entre ambas é “sinónimo de éxito”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023