Comesaña destaca o labor fundamental das fundacións de investigación na conexión entre a atención sanitaria e o ecosistema I+D+i

O conselleiro de Sanidade pon en valor a excelencia na innovación e na investigación científica e médica, na entrega dos premios Rafael Hervada 2023, celebrada na Coruña

A Coruña, 24 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto de entrega do XXIX Premio Rafael Hervada á investigación biomédica ao doutor Manel Esteller Badosa, o labor fundamental das fundacións de investigación na conexión entre a atención sanitaria e o ecosistema I+D+i, apuntando que “a innovación e a investigación son compañeiras inseparables das nosas funcións asistenciais e de formación”.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a traxectoria do doutor Esteller “un dos referentes mundiais no ámbito da investigación”, así como a cantidade e a calidade das súas publicacións e investigacións que “o sitúan entre un dos máis importantes do mundo”. O mérito que se lle recoñece “é por unha vida dedicada a un traballo constante, meticuloso e rigoroso”, que tamén lle fixo merecedor de importantes distincións, tanto a nivel nacional como internacional.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego salientou que o seu departamento conta coa Estratexia Galega de Saúde 2030, unha folla de ruta ”para afrontar os importantes retos do presente e de futuro “ dentro deste ámbito.

Segundo Comesaña, un dos eixos prioritarios desta Estratexia é o deseño de mecanismos de integración da innovación, “o que supón traballar nunha maior conexión entre a atención sanitaria e o ecosistema de I+D+I sanitario, e para este fin son claves as fundacións de investigación”. O conselleiro sinalou que a Xunta continúa cos procesos necesarios para incorporar estas fundacións ao sector público autonómico, e xa se contemplan por primeira vez no proxecto de orzamentos xerais de Galicia para o vindeiro ano.

Tamén incidiu en que o presuposto da Xunta para investigación sanitaria aumenta un 10 % nos orzamentos para o vindeiro ano, “pasando nesta lexislatura de 2,3 millóns de euros en 2020 a 6,3 no 2024”.

Xunto ao anterior, o responsable do Sergas subliñou a posta en marcha, no vindeiro ano, do Proxecto Xenoma Galicia, para o que a Xunta reservará 20 millóns de euros.

Data de actualización: 24/11/2023