A Xunta pon en valor en Pontevedra a colaboración con AJE Galicia para darlle un pulo ao emprendemento

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou en Marín no acto de entrega do XXVI ‘Premio Xove Empresarix do ano’, organizado por AJE Pontevedra

Alí puxo en valor o convenio coa Asociación de Jóvenes Empresarios por 180.000 euros en 2024 para implementar medidas de asesoramento e titorización de cara a creación de empresas, tamén no ámbito da Rede de polos de emprendemento da Xunta

A provincia de Pontevedra albergará tres destes Polos ao remate do ano, tras sumarse ao actual de Silleda o do Porriño e o de Vilanova de Arousa

Marín (Pontevedra), 24 de novembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e do delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe no acto de entrega do XXVI Premio Xove Empresarix do ano, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra. Alí, puxo de relevo a colaboración coa entidade para darlle un pulo ao emprendemento en Galicia.

En concreto, o convenio con AJE Galicia, que triplicará a súa contía ata acadar os 180.000 euros o ano que vén, inclúe formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos. Asemade, suporá a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas, tamén no ámbito da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta.

Nese senso, cómpre sinalar que a provincia de Pontevedra conta con instalacións deste tipo en Silleda, ás que se sumarán en vindeiras datas os Polos do Porriño e de Vilanova de Arousa. En total, tal e como asegurou o secretario xeral, o obxectivo é acadar os 15 centros ao remate do ano para cubrir o cen por cento do territorio galego, facendo especial fincapé no rural, para fixar poboación ao tempo que se consolidan os negocios.

Nesa liña, recordou, o persoal da Rede de polos presta apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras interesadas, en calquera das fases en que se atope o seu proxecto, de principio a fin. Así, tamén se lles presta orientación para que comproben se a súa actividade é axeitada ou non para a contorna na que se queren localizar, co gallo de garantir o éxito.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023