A Xunta reclama ao Goberno central unha partida específica nos orzamentos de 2024 destinada á posta en valor dos xeoparques mundiais

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, xustifica a petición para equiparar o trato que reciben estas áreas protexidas por instrumentos internacionais co das reservas de biosfera, que desde 2022 contaron con fondos europeos para financiar proxectos e actuacións

Felicita a decisión de incluír, por primeira vez, un espazo reservado aos xeoparques españois na próxima Feira Internacional de Turismo

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia solicita ao Goberno central que os orzamentos estatais de 2024 inclúan unha partida específica para actuacións destinadas á posta en valor e conservación dos xeoparques mundiais declarados en España. Así o propuxo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a última reunión do Comité Nacional Español de Xeoparques.

A responsable autonómica xustificou a proposta galega lembrando que nos dous últimos anos as reservas de biosfera se beneficiaron dos fondos europeos Next Generation, cos que se financiaron ordes de axudas destinadas a apoiar proxectos e iniciativas que redunden en beneficio destes espazos naturais.

Neste sentido, do Campo argumentou que os xeoparques mundiais tamén son unha figura de protección de carácter internacional, igual que as reservas de biosfera, polo que a Xunta considera axeitado incluír nos orzamentos do vindeiro ano fondos dirixidos á posta en valor destes espazos. Pola súa parte, o secretario xeral da Comisión Nacional Española de Cooperación da UNESCO, Santiago Sierra, encargado de presidir a reunión, comprometeuse a elevar a petición ao responsable da Axencia Española de Cooperación internacional para o Desenvolvemento dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Cómpre lembrar que Galicia conta actualmente co Xeoparque Montañas do Courel e co Xeoparque Cabo Ortegal —declarado este mesmo ano pola Unesco— e que no conxunto do país hai outros 14 espazos amparados baixo esta mesma figura.

Por último, Belén do Campo ve positiva a decisión de levar á Feira Internacional de Turismo (Fitur) de 2024, por primeira vez, un espazo destinado exclusivamente aos Xeoparques como lugar de encontro e para a posta en valor de todos os xeorparques mundiais de España, tal e como lles foi comunicado durante a reunión a todos os membros do Comité Nacional Español de Xeoparques.

 

Data de actualización: 25/11/2023