A Xunta promove en Pontevedra o vínculo entre artesanía e moda

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe durante o desfile DEBUT 23 o premio á “Mellor colección con valor artesanal”, apoiado pola Fundación Artesanía de Galicia por terceiro ano consecutivo

Tamén se impulsan dous cursos de formación para o alumnado do ESDEMGA da Universidade de Vigo especializados en marroquinería, impartido por Raíces Nómadas, e na aplicación do téxtil á cerámica, a cargo de Ojea Studio

Pontevedra, 24 de novembro de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe o premio á  “Mellor colección con valor artesanal”, do desfile DEBUT 23 no que o alumnado do Mestrado Universitario en deseño e dirección creativa en moda (ESDEMGA) da Universidade de Vigo presentou as súas creacións.

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colaborou un ano máis coa programación deste evento co obxectivo de achegarlle as posibilidades dos oficios artesanais aos novos talentos da moda en Galicia. Así, por terceiro ano consecutivo, patrocinou un dos premios co obxectivo de impulsar a incorporación dos procesos artesanais no sector da moda como unha das claves para incrementar o valor engadido das prendas, apostar pola sustentabilidade, polos oficios tradicionais e pola economía circular.

Ademais, a pasarela DEBUT 23 complementouse cun programa de actividades paralelas dirixidas ao alumnado do Máster, entre as que se atopaban dous cursos de formación especializada no traballo co coiro e coa cerámica, impulsados pola Fundación Artesanía de Galicia, que se desenvolveron ao longo da semana.

O artesán Ezequiel Franchi, do obradoiro de marroquinería Raíces Nómadas (Ribadeo), finalista do Premio Artesanía de Galicia 2023, encargouse de impartir un taller de elaboración dun bolso saddle bag a través de diferentes técnicas de marroquinería. O taller, de 18 horas de duración, tivo lugar entre o luns 20 e o mércores 22 de novembro.

Entre o martes 21 e o xoves 23, a ceramista viguesa Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio, gañadora do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2019, encargouse de impartir o taller “Texturas téxtiles aplicadas á cerámica”. O obxectivo do curso é achegarse ao proceso completo de deseño e de produción de pequenas pezas cerámicas, dende o modelado e a aplicación da cor, ata o secado e o esmaltado, así como as súas aplicacións ao ámbito da moda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023