Un total de 686 centros participan este curso en 44 programas educativos temáticos do Plan Proxecta

Son 59 centros máis que o curso pasado, que desenvolverán iniciativas relacionadas coa saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio ou o medio ambiente, e terán a implicación de máis de 8000 docentes

Este ano súmase o programa ‘Cóntame un conto’, para o impulso da tradición oral entre os escolares, en colaboración co Museo do Pobo Galego
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2023

Un total de 686 centros participan este curso nos diferentes programas educativos que a Xunta de Galicia integra no Plan Proxecta, o conxunto de iniciativas formativas en distintos ámbitos que ofertan as consellerías do Goberno galego en colaboración con outras institucións.

No Portal Educativo poden consultarse xa os centros participantes incluídos na resolución definitiva. Nela constátase un incremento de 59 centros co respecto ao pasado curso escolar, o que supón un crecemento do 9%. En total, o alumnado implicado participará en 44 programas de temáticas moi diversas, en función do interese dos propios centros. Para levalos a cabo, contará coa participación de 8102 docentes en toda a Comunidade.

A oferta de actividades, que complementa os currículos educativos, está relacionada cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

Como novidade, este ano súmase ao Plan Proxecta o programa Cóntame un conto, impulsado pola Consellería de Cultura en colaboración co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. O programa persegue promover a actividade de contar contos tradicionais entre os escolares para aproveitar as súas posibilidades educativas, promover o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral e incorporar a tradición de contar contos as actividades públicas dos centros escolares.

Por número de participantes, o programa con máis número de centros integrados é, un ano máis, Proxectos de vida activa e deportiva, que promove o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado. A distribución por programas é a seguinte:


Programas
Centros participantes

Proxectos de vida activa e deportiva (PVAD)

368
Nutriescolas
145
Donas de si
80
Proxecto Ríos
65
ProxectoTERRA
49
Correspondentes xuvenís
45
MeteoEscolas
42
Quérote+
33
Por 365 días de respecto e igualdade
32
Vexo veo Xacobeo
30
Mobilidade sostible e segura
30
Apuntámonos a non beber
27
Recíclate con Sogama
26
Clases sen fume
25

Proxecto de innovación en dinamización lingüística

25
Consumópolis
22
Nós tamén creamos!
21
Paisaxe e Sustentabilidade
20
Escola Verde
20
Parlamento Xove
20
Voluntariado miúdo: Móvete!
20
Naturézate
19
Educación patrimonial
19
Proxecto didáctico Antonio Fraguas
17
Salvavidas
16
Protexe os animais
15
Galicons-net
14
Mestres gandeiros
13
O monte vivo
13
Rapazas emprendedoras nas TIC
12
Fotografía en curso
12
Pasaporte solidario
11
Fitofaladoiro
11
Aprendo programando
10
Cóntame un conto
10
Xente con Don
9
Protexe o teu medio
8
Rede de Centros Escolares Solidarios
8

Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

7
Activistas polo mundo que queremos
6
Rede de Eco Hortas Escolares
6

Sementando coeducación dende o rural: os coidados como xermolo para a sustentabilidade da vida

3
Cinema en curso
3
Moitavista na Escola
2

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2023