A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu por videoconferencia a 16ª reunión ordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade

Galicia avanza na adopción de medidas de protección de especies ameazadas como a píllara das dunas ou o mazarico real

A comunidade continúa traballando neste eido coa posta en marcha de novas actuacións para mellorar o estado de ambas poboacións e incrementar o número de exemplares no medio natural

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

Galicia avanza na protección de especies ameazadas no seu territorio, como a píllara das dunas ou o mazarico real, e continuará en 2024 coa adopción de medidas co obxectivo de mellorar o estado de ambas poboacións. Así se constatou hoxe na 16ª reunión ordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade, presidida por videoconferencia pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

 

O encontro serviu para expoñer as liñas de traballo actuais para a conservación das distintas especies e dar conta dos resultados dos programas de conservación e seguimento postos en marcha pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración con investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 

No caso da píllara das dunas, o seguimento realizado durante este ano permitiu observar un total de 84 parellas, catro máis que na campaña anterior, e desenvolvéronse distintas actuacións para a protección dos niños desta ave a distintos niveis, actuándose sobre un total de 86 niños en 19 praias.

 

Ese labor acompáñase de traballos de conservación como incubacións en instalacións como o Centro de Recuperación de Fauna de Oleiros e das accións enmarcadas en proxectos como o Interreg Iberalex, no que participan a Xunta e a USC, para mellorar o estado de conservación das poboacións de píllara das dunas no espazo transfronteirizo.

 

No caso do mazarico, en 2024 realizaranse distintas accións tanto no medio natural como en centros de recuperación co fin de recuperar a especie. Entre elas está a protección dos niños silvestres mediante distintos métodos así como a introdución na zona de reprodución de exemplares de procedencia europea.

 

Precisamente, a directora xeral aproveitou para agradecer o traballo dos técnicos, vixiantes e axentes medioambientais así como do persoal dos centros de recuperación de fauna á hora de colaborar nestes proxectos pois son fundamentais para preservar a biodiversidade galega.

 

O observatorio

O Observatorio Galego da Biodiversidade é un órgano consultivo de asesoramento e consulta que ten entre as súas funcións prestar apoio á Administración autonómica na análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia, na elaboración e seguimento de indicadores de estado das especies e en relación co catálogo galego de especies ameazadas.

 

Neste órgano consultivo participan representantes da Administración, especialistas no estudo e investigación de distintas especies mariñas, terrestres e de auga doce así como representantes das tres universidades da comunidade e asociacións que teñen entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023