Os directores xerais de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e de Gandaría e Industrias Agroalimentarias responderon diversas preguntas na Comisión 7ª

A Xunta investiu máis de 715.000 euros en formación para unha continua profesionalización do persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais

Na súa comparecencia, Manuel Rodríguez resaltou o esforzo do Goberno galego por ofrecer un Plan de formación ambicioso para o SPIF, creado dende a propia dirección xeral e impartido principalmente por persoal do propio Servizo

José Balseiros concretou que se tratan das achegas dirixidas a plans de mellora, incorporación de mozos e mozas á actividade agraria e pequenas explotacións, ademais das destinadas a instalacións e equipamentos en común

José Luis Chan indicou que a Xunta está comprometida coa conservación do monte e dos seus recursos e coa xestión forestal activa como garante da súa sustentabilidade, pero tamén coa ordenación dos montes, a certificación forestal e co sector
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

Manuel Rodríguez, puxo de relevo na súa intervención na comisión 7ª do Parlamento de Galicia o esforzo do Goberno galego por ofrecer un Plan de formación ambicioso para o persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), cun investimento que foi aumentando progresivamente ao longo dos últimos anos e que só no ano 2023 chegou a máis de 715.000 euros. Así, este conxunto de acción redundan nunha mellor preparación de todo o persoal do dispositivo de defensa contra os incendios fronte os lumes actuais e proporcionan unha maior adaptación ao futuros incendios forestais.

Pero tamén puxo de relevo as premisas que redundan nesta formación, que está diseñada dende a propia dirección xeral e que está impartida principalmente por persoal do propio Servizo. Deste modo, é posible que A formación sexa bidireccional, ao ensinar ao Dispositivo novos coñecementos, ao tempo que os alumnos trasladan as súas inquedanzas, permitindo elaborar unhas leccións aprendidas a tomar en conta para o futuro.

No caso do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, a súa construción e implantación supuxo un fito na execución do Plan de Formación, asegurou o directo xeral de Defensa do Monte. Este centro ten como obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais, converténdose, ademais, nun centro de referencia non só a nivel autonómico, senón tamén a nivel nacional. A edificación conta con zonas de adestramento físico e un circuíto de probas para vehículos todoterreo, que xa están operativas dende este mesmo ano. Así mesmo, coa inminente posta en funcionamento do edificio da antiga lavandería, comezarán a impartirse as primeiras clases no 2024. Deste modo, a formación vai máis alá das aulas e é posible a súa aplicación directamente no territorio, asegurou.

A muller no agro e o Plan Estratéxico da Limia

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo de relevo que nas distintas liñas de axudas que se ofrecen, as solicitudes presentadas por mulleres ou explotacións xestionadas por persoas xurídicas con maioría de mulleres contan cunha puntuación maior, ao ser un criterio de valoración en si mesmo, promovendo así unha maior participación feminina no sector primario. Así, destacou o compromiso do Goberno galego coas mulleres rurais.

De feito, o resultado destas políticas comeza a dar os seus froitos, indicou o director xeral, pois segundo os datos que constan no Rexistro de Explotacións de Galicia, a porcentaxe de mulleres está na contorna do 44% no caso de explotacións en mans de persoas físicas. Pola contra, no caso das explotacións dirixidas por persas xurídicas, no 69% delas as mulleres son máis da metade dos seus membros.

Por outra banda, José Balseiros tamén se referiu ao Plan Estratéxico da Limia, unha iniciativa da Consellería do Medio Rural coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que abrangue os concellos a Comarca da Limia e busca guiar os pasos do sector agrario no futuro co fin de acadar un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos, reducir a concentración de nutrientes nas augas, xerar emprego e fixar poboación na comarca. Así, a Xunta leva investidos 6,5 millóns de euros dentro do Plan da Limia só para o proxecto de regadío, ao que se unen outras accións como a mellora de infraestruturas viarias e a campaña de promoción da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, presentada recentemente.

Deste xeito, precisou, desenvolvéronse dúas grandes actuacións: por unha banda, a construción de 40 pozos para captacións de augas subterráneas e, por outra, o financiamento dos grupos de bombeo e instalacións inherentes a estes pozos de captación. Con respecto á mellora de camiños, só no 2021 reparáronse diversas vías, repartidas en 12 concellos, que son utilizadas polos agricultores e gandeiros locais, arranxando preto de 50 quilómetros de viais cun orzamento de 450.000 euros. Coa nova encomenda para 2022 e 2023, arranxáronse un total de 12 camiños repartidos en 9 concellos cunha lonxitude aproximada de 17 quilómetros por un montante de 550.000 euros.

Compromiso co sector forestal

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, indicou que a Xunta está totalmente comprometida coa conservación do monte e dos seus recursos e coa xestión forestal activa como garante da súa sustentabilidade, pero tamén coa ordenación dos montes, a certificación forestal e co sector. Nesta liña, explicou a Xunta está a desenvolver de xeito continuado un marco legal que permita compatibilizar o interese publico co interese privado por medio da lexislación como a Lei de montes, a Lei de recuperación da terra agraria, a Lei de prevención de incendios forestais ou a Lei de montes veciñais en man común, entre outras normativas. Deste xeito, procedeuse a establecer a folla de ruta a medio e longo prazo mediante a 1ª revisión do PFG 2021-2040 “cara a neutralidade carbónica”, no que se establecen obxectivos ambiciosos con respecto á paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio cultural e natural galego.

Ademais, José Luis Chan sinalou que con isto a Xunta busca asegurar un enfoque multinacional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal, que van desde o uso madeireiro ata o relativo a pastos, castañas, cogomelos, froitos, ademais dos servizos ecosistémicos que prestan -como o de conservación do solo, a súa contribución á calidade do ciclo da auga, conservación da biodiversidade e da paisaxe-. Ademais da súa notable contribución á fixación de carbono e gases de efecto invernadoiro, á bioeconomía e, en definitiva, a ser a base territorial de valiosos valores lúdicos, sociais e culturais.

Data de actualización: 24/11/2023