A Xunta destaca en Madrid a competitividade do seu modelo fiscal

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos participou no XII Foro de las Autonomías celebrado en Madrid

Madrid, 24 de novembro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Publica, Miguel Corgos participou hoxe no XII Foro de las Autonomías celebrado en Madrid onde aproveitou para presentar o modelo fiscal da Comunidade galega.

Durante a mesa de debate Diferentes versiones sobre el ejercicio de las competencias autonómicas en materia de fiscalidad y sus límites, Miguel Corgos destacou que o Goberno galego foi quen de consolidar un modelo fiscal propio, competitivo e que se vai reforzando cada ano.

Este modelo baséase na aprobación de rebaixas de impostos, coa intensidade que permite a conxuntura en cada momento. Ademais, priorízanse as rendas medias e baixas, os colectivos de mozos e mozas, as familias numerosas, as persoas con discapacidade e as vítimas de violencia de xénero.

Financiamento autonómico

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública tamén fixo referencia ao actual modelo de financiamento autonómico en vigor desde o ano 2009. Neste sentido, sinalou que a súa revisión é urxente pois mostra debilidades de deseño e falta de suficiencia global.

Así, explicou que o novo modelo debe garantir a suficiencia financeira das administracións públicas para desempeñar as súas competencias, garantindo a sostibilidade das finanzas públicas na provisión dos servizos esenciais.

Os cidadáns teñen idénticos dereitos e obrigas con independencia de cal sexa o seu lugar de residencia, polo que o modelo no seu conxunto debe garantir a cobertura do total dos servizos a financiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023