A Xunta inicia o procedemento de investigación da titularidade de parcelas nos polígonos agroforestais de Cualedro e Oímbra, na provincia de Ourense

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os correspondentes anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
 

A Administración autonómica investigará a titularidade de catro predios situados no polígono de Oímbra e de dous no de Cualedro
 

Esta é a primeira vez que se pon en marcha este procedemento en polígonos agroforestais, xa que ata o de agora só se tiña feito en aldeas modelo
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2024

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios do comezo dos procedementos de investigación de titularidade de parcelas por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nos polígonos agroforestais de Cualedro e Oímbra, ambos os dous na provincia de Ourense. Esta é a primeira vez que se pon en marcha este procedemento en polígonos agroforestais, xa que ata o de agora só se tiña feito en aldeas modelo. O inicio do proceso nestes polígonos en particular débese a que son os que se atopan nunha fase máis avanzada do seu desenvolvemento. 

Estes proxectos enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e suporán a mobilización, en conxunto, de máis de 85 hectáreas. Así, o polígono de Oímbra, no concello homónimo, conta con 21,76 hectáreas de terreo divididas en 72 parcelas e o de Cualedro, no concello do mesmo nome, agrupa un total de 64 hectáreas de terreo correspondentes a 72 predios. 

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, o obxectivo prioritario é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal. Co procedemento que se publica hoxe, vaise clarexar a titularidade de seis predios, en base ao artigo 19 da devandita Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Como paso previo ao inicio destes expedientes de investigación da titularidade, consultouse a información catastral, o rexistro da propiedade e, en colaboración cos concellos, realizáronse as actuacións necesarias para levar a cabo a os trámites necesarios para actualizar a titularidade das parcelas dentro do perímetro dos polígonos agroforestais, recollendo e analizando a documentación aportada polos veciños e titulares dos predios. 

Exposición pública

O inicio dos expedientes serán trasladados ás diferentes administracións para que se difundan o máximo posible e estarán expostos durante un prazo de 20 días. A continuación, rematado dito prazo de exposición, as persoas afectadas poderán alegar durante un período dun mes, a maiores. Para facelo, deberán achegar os datos, antecedentes ou documentos que consideren pertinentes para fundar o seu dereito, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A Lei recolle distintas opcións de acreditar e demostrar a titulariades dos predios. Así mesmo, o anuncio será publicado no apartado específico da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/investigacion-titularidade/.

Os procedementos que se publican hoxe terán que estar instruídos e resoltos nun prazo máximo de dous anos e ao seu remate darase traslado a Administración Xeral do Estado para a actualización dos datos catastrais. 

Procedemento novidoso

O procedemento da investigación da titularidade é unha das grandes novidades da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, na que se regulou un procedemento que atribúe por primeira vez á Xunta a facultade para investigar a situación de parcelas existentes en solo rústico ou en solo de núcleo rural das que non se teña certeza sobre a súa titularidade. Así, na procura da maior seguridade e rigor nos traballos, empézase a realizar este labor naqueles lugares nos que existen instrumentos de recuperación da terra en avanzado estado de desenvolvemento -caso destes polígonos agroforestais-. 

En todo caso, cómpre engadir que as parcelas suxeitas a este procedemento de investigación serán integradas transitoriamente no Banco de Terras para poder poñelas en produción dentro deste instrumento de recuperación de terras. Deste xeito evítase tanto o propio deterioro dos predios como o risco ambiental que supón a súa situación de abandono, ao tempo que se posibilita o seu aproveitamento agrario. Esta integración cautelar non supón a perda de dereitos por parte de posibles titulares, xa que en caso de aparición da persoa titular do predio se lle fará entrega deste e das rendas derivadas polo seu arrendamento. 

Ligazón ao anuncio sobre o polígono de Cualedro:

 

Ligazón ao anuncio sobre o polígono de Oímbra:

 

 

Data de actualización: 24/11/2023