A Xunta celebra a xornada Emprego Sen Etiquetas para impulsar a presenza feminina en sectores masculinizados

A secretaria xeral da Igualdade e a directora xeral de Relacións Laborais participaron no acto onde se puxo de relevo o plan pioneiro que con 2,25 M€ buscará en 2024 aumentar o emprego feminino en eidos económicos onde predominan os homes

Sandra Vázquez e Elena Mancha coincidiron en que equiparar a presenza de homes e mulleres no mercado laboral, especialmente en sectores como o do transporte ou o das TIC, é clave para acadar a igualdade e unha sociedade máis xusta e equitativa

Lembraron outras accións como a campaña ‘Ti elixes’, que está a traballar no ámbito educativo para que a xente nova medre sen prexuízos e rachando estereotipos de xénero

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron hoxe en Santiago na xornada Emprego sen etiquetas. Mulleres en empregos masculinizados, organizada pola Consellería de Promoción do Emprego e igualdade para impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan os homes. Ambas coincidiron en que aumentar o número de mulleres en eidos como o do transporte ou o das TIC é vital para acadar a igualdade e unha sociedade máis xusta e equitativa.

Primeiramente, no acto tivo lugar unha mesa redonda onde estiveron presentes unha repartidora de paquetaría, a CEO dunha empresa de loxística, unha soldadora e unha pintora de vehículos, para dar conta das súas respectivas experiencias en sectores masculinizados. Tras as súas aportacións, interviron as representantes autonómicas, poñendo en valor os seus testemuños como exemplos de mulleres que rachan cos prexuízos e cos estereotipos de xénero á hora de escoller as súas profesións.

Nesa liña, na xornada púxose de relevo o plan pioneiro que arrancará en 2024 con 2,25 millóns de euros de orzamento para impoulsar precisamente a presenza feminina en sectores masculinizados. A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto do territorio galego. Así, a axuda que se concederá con este programa será a equivalente ao custo da formación, prospección e contratación cun máximo por cada muller insertada de 7.500 euros.

Así mesmo, recordouse a campaña Ti elixes da Xunta de Galicia, en marcha en centros escolares, para concienciar á xente nova da importancia de elixir unha profesión en función unicamente das habilidades, capacidades ou motivacións persoais. A iniciativa, en concreto, estase a realizar en 75 centros de ensinanza secundaria que están polo xeral situados próximos a institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados.  

Con todas estas medidas, tanto a secretaria xeral como a directora xeral fixeron fincapé en que se busca romper coa tendencia actual, xa que en Galicia as mulleres gañan de media uns 5.000 euros menos ao ano cós homes, debido -en boa parte- a que as profesións tradicionalmente escollidas por elas teñen salarios inferiores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023