Lete Lasa enxalza a Melania Rodríguez como unha das mellores ximnastas da historia e asegura que terá un futuro olímpico dourado

O secretario xeral para o Deporte participou na homenaxe do Concello de Ponteareas aos seus deportistas destacados

Ponteareas (Pontevedra), 23 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da recepción a deportistas destacados organizada polo Concello de Ponteareas e que contou coa participación de Melania Rodríguez a ximnasta ponteareá que vén de proclamarse campioa do Mundo de dobre mini-tramp na cidade inglesa de Birmingham.

O mandatario galego sinalou que a imaxe de Melania Rodríguez e Pablo Hinojar adestrando na cama elástica do pavillón do CGTD “xa é unha postal mítica do centro de tecnificación porque raro é o día que Melania non está debuxando piruetas no aire”. Isto ocorre así dende 2016, momento no que a Xunta de Galicia apostou pola entrada de Melania no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e dende o ano 2017 recibe ininterrompidamente as bolsas DGAN: “tiñamos un diamante en bruto e non o podíamos perdeR”.

Neste sentido, o titular do Deporte galego agradeceu o exemplo que dá a ximnasta aos máis novos porque demostra que con esforzo e sacrificio conséguense resultados e gabou un palmarés no que ademais do ouro mundial, xa lucían unha prata mundial, un bronce mundial e un bronce europeo en dobre mini-tramp, así como un ouro europeo en trampolín. Do mesmo xeito, lembrou a mágoa de que Melania se quedase tan só a tres décimas da praza olímpica de trampolín pero animou á ponteareá a seguir buscando a clasificación nas vindeiras Copas do Mundo -Azerbaiyán e Dinamarca-. “Estas competicións marcarán o seu futuro inmediato, pero o resto da súa historia, con 22 anos, está aínda por escribir e, de seguro, será dourado”, sentenciou.

Ademais, Lete Lasa destacou a aposta da Xunta pola ximnasia que no momento actual mantén nove prazas no CGTD -seis de rendemento e tres de tecnificación- e que foron medrando ao longo dos anos.

Na gala celebrada no salón de plenos do Concello de Ponteareas tamén se recoñeceu o traballo do Club Leam de Taekwondo e de Ainoa Posada que vén de proclamarse campioa de España infantil de pump track.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023